A CIG critica o "intento de boicot" á folga, que denunciará na Inspección de Traballo

Aseguran que Sanidade mobilizou persoal entre áreas para "cubrir ocos". A consellería cifra o seguimento en menos do 3%.


|

FolgasanidadecorunaProtesta na Coruña. Foto: @BNGACorunha


A CIG destacou o "alto" seguimento da folga na sanidade galega convocada en solitario por este sindicato para este xoves e venres e denunciou "boicot" por parte da Administración sanitaria para tratar de minimizar as súas consecuencias.


A responsable de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, asegurou que os datos se seguimento do paro están a ser "altos" e comparables aos de folgas convocadas por varios sindicatos, aínda a pesar do "intento de boicot" que denunciaron por parte da Xunta.


En concreto, na área de Vigo sumáronse ao paro 61 facultativos, unha cifra "importante", e 158 membros do persoal sanitario.


Pola súa banda, na Coruña, o seguimento alcanzou o 45% na quenda de mañá, segundo os datos achegados a Europa Press pola representante da CIG e presidenta da Xunta de Persoal da área sanitaria da Coruña, María Seijo no marco dunha xornada de protestas que incluíu unha concentración ante o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) coa presenza dunhas 300 persoas, segundo os convocantes.


En zonas como as de Monforte e Cee, a folga levou á "paralización" dos quirófanos, dixo a CIG, que denunciou algún "intento de boicot" por parte "mesmo de delegados doutras organizacións sindicais".


Así mesmo, e a pesar dos "altísimos servizos mínimos", a CIG criticou que Sanidade "mobilizase" persoal entre áreas para "cubrir ocos" baleiros pola folga, unha cuestión que, de demostrala, trasladarán á Inspección de Traballo por tratar de "vulnerar o dereito á folga".


María Seijo defendeu que detrás desta folga, ademais da "recuperación dos acordos retributivos e a negociación da carreira profesional", están cuestións como unha lei "que acabe coa precariedade e a gran temporalidade". "E, sobre todo, a necesidade de derrogar a reforma da Lei de Saúde", da que dixo que supoñerá unha "perda de servizos sanitarios", especialmente no rural.


SANIDADE REDÚCEO AO 2,6%


Pola súa banda, a Consellería de Sanidade asegurou que a folga convocada pola CIG foi seguida nos centros asistenciais do Sergas na quenda de mañá por un 2,68% do total dos convocados, mentres que na quenda de noite "a convocatoria non tivo ningún seguimento".


Por Estruturas Organizativas de Xestión Integrada, puntualizou a Xunta, o seguimento na quenda de mañá foi do 3,80% na Coruña, do 3,27% na de Ferrol, do 2,25% na de Santiago, do 2% na de Pontevedra, do 4,49% na de Vigo, do 1,18% na de Lugo, e do 1,05% na de Ourense. Nas entidades adscritas (axencias, fundacións e empresa pública), o seguimento foi do 1,18%.


relacionada A CIG-Saúde xustifica a folga porque "non se solucionou ningún conflito"
relacionada A CIG mantén a convocatoria de folga na sanidade o 2 e 3 de novembro

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE