Risa, xoguetes e mesmo xabóns para promover o envellecemento activo
Case 120 persoas da provincia de Pontevedra participarán en talleres interxeracionais do programa 'Tecendo lazos'.
A Deputación de Pontevedra pon en marcha a partir deste venres, 3 de novembro, seis talleres do programa 'Tecendo lazos', promovido polo servizo de cohesión social e mocidade da institución provincial para os concellos de Bueu, Caldas de Reis, Meis, Tomiño, O Porriño e Vila de Cruces.
En total, máis dun centenar de persoas destes seis concellos beneficiaranse desta iniciativa que ten por obxectivo fomentar o envellecemento activo das persoas maiores e impulsar as habilidades sociais e a empatía das máis novas a través dunha serie de talleres interxeracionais de lecer e tempo libre.
O venres 3 de novembro comezarán catro talleres en Bueu, Caldas de Reis, Meis e O Porriño. Bueu acollerá un taller sobre 'Risoterapia creativa anti tensión' no que participarán 25 persoas da vila ata o 29 de decembro.
'Canta avoas', pola súa banda, terá lugar no concello de Caldas de Reis e participarán nesta actividade ata o 29 de decembro case 30 persoas. No caso de Meis 'Xoguetes creativos con material de refugallo' será o taller que se desenvolva na localidade, onde se darán cita máis dunha ducia de persoas ata o 1 de decembro.
Por último, no Porriño terá lugar un taller de 'Canta avoas'. O sábado 4 de novembro comezarán os outros dous talleres. Un de 'Xabóns naturais con receitas dá avoa' no concello de Vila de Cruces e un en Tomiño de 'Risoterapia creativa anti tensión'.
No caso de Vila de Cruces, serán 24 as persoas que se beneficien desta iniciativa para aprender a elaborar xabóns naturais artesáns ata o 23 de decembro e en canto a Tomiño serán máis de 20 as persoas que participarán neste curso tamén ata o 23 de decembro.
Escribe o teu comentario