Desacordos entre Concello e Portos do Estado sobre os terreos portuarios
Ferreiro ve "decepcionante" a última reunión e reclama "coordinación" entre administracións.
Portos do Estado avala o uso público dos peiraos urbanos da Coruña, aínda que aprazou a 2022 o debate sobre o futuro dos terreos de San Diego. Mentres, o Concello da Coruña critica a falta de previsións e dun "acordo claro" sobre o futuro dos terreos portuarios.
O presidente de Portos do Estado, José Llorca, e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presidiron este martes a reunión para debater o futuro dos peiraos urbanos coruñeses.
A proposta de Ferreiro pide a creación dun consorcio presidido polo Concello da Coruña para definir os usos dos terreos que sexan recalificados. En canto aos terreos da Solana e o hotel Finisterre propón que sexan, unha vez finalizadas as concesións, de titularidade pública municipal, sen descartar a compra.
"Cremos que quen fai cidade é o concello", sinalou en declaracións aos medios o presidente de Portos do Estado, que insiste en que a definición do modelo de cidade corresponde ás "administracións territoriais".
Desta forma, acepta o modelo de cidade exposto pero sen cambiar a titularidade dos terreos portuarios. O Concello, pola súa banda, mantén a opción de compra dos terreos da Solana.
Llorca asegurou que estudarán a proposta do Concello, pero xa avanza que cren que "existen outras fórmulas" para articular a xestión dos peiraos portuarios sen necesidade dunha compra por parte do concello.
"DECEPCIONANTE"
Pola súa banda, á saída da reunión, o alcalde da Coruña valorou de "decepcionante" a reunión con Llorca e critica a falta dunha "acordo claro" sobre o futuro dos usos dos peiraos coruñeses.
O propio presidente de Portos do Estado e o da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acordaron nun reunión mantida hai uns semanas que os peiraos da Batería e Calvo Sotelo sigan sendo públicos.
Por iso, agora Ferreiro considera que "existe un acordo para excluír á cidade da Coruña" sobre as decisións que se tomen en relación ao futuro dos usos dos terreos portuarios.
Escribe o teu comentario