Seguen buscando o home que queimou a semana pasada varios caixeiros da capital
Segue aberta a investigación, tras non poder dar coa súa identidade nas imaxes das cámaras de seguridade.
A Policía Nacional mantén aberta a investigación para identificar o autor ou autores da queima de caixeiros automáticos rexistradas nas madrugadas do pasado martes e mércores en Santiago de Compostela.
Así o confirmaron fontes policiais, despois de que nas imaxes das cámaras de seguridade analizadas non se identificase ao autor.
A investigación baralla varias hipóteses, que contemplan a posibilidade de que o autor destes feitos vandálicos, así como do lanzamento dun artefacto incendiario á residencia oficial do presidente da Xunta en Monte Pío, sexa a mesma persoa, aínda que tampouco se descarta que sexan autores distintos.
Os Bombeiros de Santiago sufocaron a madrugada do mércores un incendio tras os actos vandálicos rexistrados na xornada anterior. Ás 4,03 horas recibiron o aviso dun incendio nun caixeiro dunha oficina bancaria situado na rúa Rosalía de Castro confluencia co cruzamento de Romeu Donallo.
Na madrugada do martes tamén resultaron danados outros caixeiros situados no Ensanche compostelán (na confluencia entre as rúas Santiago de Chile e A Rosa, e outro en Frei Rosendo Salvado, segundo concretou o Consistorio), que resultaron queimados.
Escribe o teu comentario