Que volen aquesta gent?

Manoel Barbeitos
Economista

Independentistascatalunya


Víase vir. Coñecendo aos personaxes (Mariano Rajoy e o seu partido PP: Partido Popular) víase vir que o goberno español ía aplicar a artigo 155 da Constitución Española e na que algúns consideran a "versión mais dura". Víase vir tamén que C's (Ciudadanos) apoiaría con entusiasmo a medida que viña reclamando dende fai algúns días. Sobre o que se tiña aínda algunhas dúbidas era se o PSOE chegaría a apoiar esa medida. Dúbidas que, desgraciadamente, xa están despexadas.


Se aínda lle quedaba algunha credibilidade a Pedro Sánchez encol das súas reais intencións de situar o vello partido PSOE na senda da socialdemocracia, xa non lle queda algunha logo de apoiar o goberno de Mariano Rajoy na súa aplicación do artigo 155. O que viñamos sinalando en artigos anteriores sobre que o camiño do PSOE xa estaba trazado e que Pedro Sánchez non o ía mudar, traizoando unha vez mais as súas promesas, confirmouse.


Sen estar de acordo, de ningures, cos independentistas cataláns aos que, porén, lles recoñezo o seu dereito a ter ideas independentistas e a tratar de poñelas en práctica -nunha democracia cabe todo aquilo que se defenda con métodos democráticos-. Penso que non é admisible, democraticamente, que para lograr eses obxectivos se pasen a democracia e a legalidade a toureira nin tampouco que utilicen institucións democráticas, como por caso o Parlament de Catalunya, no seu único e exclusivo interese e beneficio.


Xa sinalei en artigos anteriores como o chamado procés me parecía unha estratexia antidemocrática e que, xa que logo, a consulta do 1 de outubro non tiña validez nin xurídica, nin política. Moito menos se podía utilizar para unha suposta declaración unilateral de independencia. O colmo das barbaridades e dos desatinos políticos. E tamén dos erros: a burguesía catalá non parece quen de aprender dos seus erros históricos.


Sen estar de acordo, repito, co camiño trazado polos independentistas, moito menos comparto a decisión adoptada pola nova troika (PP, C's e PSOE) de aplicar o artigo 155 e suspender a Generalitat, deixando así sen voz o pobo de Catalunya. Por antidemocrática, autoritaria e non servir para solucionar o problema político existente, senón por facer moito máis difícil unha saída pacífica e democrática ao vir a encanar aínda mais uns ánimos xa moi quentes.


Uns ánimos entre a cidadanía catalá, xa moi caldeados tanto polo brutal comportamento gobernamental o 1-O como por posteriores decisións tales como a inédita persecución xudicial dos dirixentes independentistas: unha persecución na que o poder xudicial parece ir a rebulo das decisións do goberno español. Algo que tanto lesiona a independencia de poderes consubstancial nun réxime democrático como certifica a concepto autoritario que do poder ten o goberno español de torno (PP).


Neste novo marco un, porén, non pode subtraerse a tentación de pensar que a contenda política está agora no terreo que algunhas das mentes mais lúcidas en ambos os dous equipos (Goberno español, Generalitat de Catalunya) tiñan escollido ou cando menos pensado. Se deixamos a un lado o conflito político partidario e botamos unha ollada ao que nos rodea entenderemos mellor o que sinalo.


Tanto o Goberno español (PP) como a Generalitat de Catalunya (JxSi) son responsables, con políticas moi similares, do enorme deterioro económico e social que sofre non só Catalunya, senón toda España, con especial incidencia nas clases populares. Asemade moitos dos membros tanto da Generalitat de Catalunya (PDeCAT antiga CiU) como do Goberno español (PP) están inmersos en incontables tramas de corrupción.


Unha gravísima realidade política e social que o tsunami catalán trasladou a un segundo ou terceiro plano. Un cambio de escenario ao que a maioría dos medios altofalantes colaboraron con un entusiasmo case entenrecedor. Por este camiño en poucos días, por caso, xa non se falará en Galiza da terrible praga dos incendios e das responsabilidades políticas pola mesma, senón do conflito catalán.


Pero entre ambos os dous contendentes hai unha diferenza clave e fundamental que, curiosa e significamente, poucos políticos e analistas teñen en conta. A diferenza está na clase social que está detrás de cada quen, da súa estratexia e, xa que logo, da súa real forza. Unha diferenza que, na miña opinión, semella decisiva e marcará o destino final da actual contenda decidindo quen van ser os vencedores da mesma e quen os vencidos ou derrotados.


Se se analizara con algo de detemento e rigor o actual enfrontamento entre o Goberno español e a Generalitat de Catalunya, veríase que volve reproducirse a batalla entre a burguesía española –a oligarquía financeira e inmobiliaria e os grandes monopolios, reflectidos todos no IBEX 35- e a pequena e media burguesía catalá –que tamén representan os Pujol, Millet, Carceller, Cortina, Trias, Mateu, Mas...-.


Unha batalla na que esta última intenta, de novo, independizarse daquela. Unha batalla na que, non por casualidade, as clases traballadoras catalás apenas participan: para calquera analista rigoroso non puido pasar desapercibido que o 1-O a participación das clases traballadoras catalás –focalizadas en torno a Barcelona e o seu núcleo industrial: Hospitalet, Badalona, Santa Coloma, Cornellá...- foi mínima ou moi cativa.


Nun contexto marcado por unha grande recesión con elevado desemprego e importantes bolsas de pobreza que afectan maiormente as clases traballadoras estas están moito mais preocupadas pola situación laboral e social das súas familias que polas ansias independentistas dun sector relevante da poboación catalá pero de extracción maioritariamente media/alta.


Esta análise serve tamén para poder avanzar como vai rematar o actual conflito. Cunha nova grande derrota da pequena e media burguesía catalá –moi ben representada en JxSi pero tamén en ER- quen, unha vez mais, fixo un cálculo excesivamente optimista das súas autenticas forzas.


Unha nova derrota que vai supor no plano político un grande retroceso na autonomía catalá e unha grande crise nos planos económico e social que impactará en toda España. Unha nova derrota que traerá como consecuencia a nivel de estado un importante retroceso do estado das autonomías. Algo que está entre os obxectivos tanto dos partidos sistémicos (PP, C's e PSOE) como da xefatura de Estado (Felipe VI). Non digamos do IBEX 35.


Que volen aquesta gent? Se no seu día debilitaron o movemento sindical para así reverter o reparto da riqueza a prol das rendas de capital e en prexuízo das rendas do traballo. Se impuxeron durísimas políticas de axuste, co custe de transformar unha crise financeira nunha grande recesión, para debilitar aínda mais o xa deficitario estado de benestar. Agora queren darlle a puntilla ao estado das autonomías empezando pola comunidade agora, e sempre, máis rebelde: Catalunya.


Aliados non lle faltan, son os de sempre: PP, C's e PSOE, os partidos sistémicos, os partidos que eles (IBEX 35) financian. Tomemos nota en Galiza.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE