O PP aproba en solitario a xa coñecida como 'lei de Depredación de Galicia'

Lídia Senra anunciou que levará ante a Comisión Europea a "posible vulneración de directivas comunitarias" desta norma.


|

Industriapklanta


O apoio do PP bastou este martes no Parlamento de Galicia para sacar adiante a Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais, que chocou contra o rexeitamento de PSdeG e BNG. Pola súa banda, En Marea optou por non votar, a fin de mostrar o seu desacordo con que o pleno non abordase de forma monográfica os incendios que aínda persisten esta comunidade.


Máis aló das alusións aos lumes, a deputada nacionalista Noa Presas denunciou que a lei que se aprobou incide na "desregulación", o "desequilibrio territorial", a "persecución" aos montes comunais e a "desprotección" ambiental, entre outras cuestións, e lamentou a escasa vontade de diálogo do PP.


Nesas apreciacións coincidiu o representante socialista no debate, Abel Losada, tras subliñar que se trata dunha norma "ideolóxica", puxo o foco na supresión de controis que leva e en que nin sequera conta con memoria económica.


E, en liña coa súa intención de falar unicamente de incendios, Antón Sánchez advertiu de que este texto lexislativo "profunda moito máis" no abandono do medio rural, o que "incrementa" o risco de lume.


Enfronte, o portavoz popular na materia acusou á oposición de pretender que a administración sexa "unha fábrica de trabas á iniciativa económica", partidario de "simplificar, liberalizar e potenciar" a instalación de proxectos velando, iso si, por que teñan "garantías".


"DOUS MODELOS"


"Hai dous modelos", resumiu, non sen reivindicar que se alcanzaron "acordos" coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que preside un socialista, e soster que a oposición está "en contra" da creación de postos de traballo e a favor de "pechar" empresas.


Coa existencia de "dous modelos" coincidiu Noa Presas, quen confrontou o "máis salvaxe neoliberalismo do PP" coa súa opción, de impulsar actividades de "alto valor engadido" e que favorezan o peche dos ciclos produtivos. "A súa única idea é que os concellos baixen impostos", sinalou, e botou en falta medidas que favorezan o acceso ao crédito para as empresas e que promovan o retorno das que se deslocalizaron.


"SOTO DEL REAL CORPORATION"


A continuación, Abel Losada negou que o PSOE persiga o peche de ningunha compañía, pero deixou claro que si defende "a burocracia". "A alternativa é 'Soto del Real Corporation'. A alternativa son os lerchos, aos que eu condeno!", sentenciou o vigués.


Para pechar o debate, Tellado atribuíu as críticas da oposición a que "lle molesta que Galicia vaia ben", coa economía crecendo e o paro baixando.


VULNERACIÓN DE LEIS DA UE


A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) Lídia Senra anunciou que levará ante a Comisión Europea a "posible vulneración de directivas comunitarias" na que incorre a Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais aprobada este mesmo martes no Parlamento de Galicia.


"O único que fomenta é o espolio e a destrución dos nosos recursos naturais", incidiu, á vez que reprobou que "arrambla" cos "limitados" dereitos da cidadanía para "facer fronte ás ameazas das empresas que queren esquilmar o país".


Ademais, a través dun comunicado, censurou que a aprobación da "lei de Depredación de Galicia" pon de manifesto que "a Xunta traballa para as empresas privadas, non para os galegos".


relacionada Rexeitamento ante o Hórreo á "depredación" que propicia a lei de fomento empresarial
relacionada Numerosos colectivos únense contra a que denominan "Lei de Depredación de Galicia"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE