Satisfacción dentro do PSdeG e no resto de partidos por que os socialistas volvan ter líder

Mesmo Abel Caballero felicita publicamente ao secretario xeral electo, mentres a oposición chama ao entendemento.


|

Gonzalocaballerorg


O novo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou este luns, un día despois das primarias que lle deron o mando da organización, que compoñerá a súa executiva con "capacidade de integración" ao redor de "un proxecto de renovación" do partido.


Díxoo nunha entrevista concedida á Radio Galega na que manifestou que entre as súas prioridades está "preparar o congreso", no que será referendado como secretario xeral, para "elaborar un proxecto canto antes".


E é que, recalcou, é necesario "un cambio político" que dea como resultado a "alternancia" política en Galicia. A ese respecto, tras mostrarse partidario do "diálogo" con outras forzas de esquerda, deixou claro que "a maioría de cambio tena que liderar o PSdeG".


RESPALDO DE CARGOS SOCIALISTAS


O presidente da Deputación da Coruña, o socialista Valentín González Formoso, manifestou que "agora estamos todos detrás do novo secretario xeral, evidentemente, e pensando en construír un Partido Socialista do futuro que sexa capaz de ofrecer á sociedade as respostas que nos están requirindo".


O rexedor socialista incidiu en referencia ás primarias en que "isto non é unha pantomima", senón que "é un sistema de elección que a cidadanía o valora como algo positivo", sentenciou.


O portavoz do PSOE no Concello de Santiago, Paco Reyes, destacou que os resultados evidencian "unha lexitimidade totalmente incontestable" de Gonzalo Caballero, a quen avisa que lle espera "unha gran responsabilidade".


Neste sentido, referiuse a que percibe nel "capacidade sobrada para levar adiante o seu proxecto de partido". Reyes apelou tamén á "unidade" que debe rexer no seo do PSdeG


Mesmo o alcalde de Vigo fixo unha "excepción" e accedeu a pronunciarse sobre a vida orgánica do seu partido, e fíxoo para "felicitar" ao seu sobriño, Gonzalo Caballero. En rolda de prensa, Abel Caballero constatou que os militantes "falaron con claridade" nas primarias do PSdeG e decidiron que "queren que sexa Gonzalo o novo secretario xeral". "Por moitas razóns, e por razóns afectivas moi intensas, quéroo felicitar", manifestou.


A preguntas dos xornalistas sobre se prevé manter unha reunión proximamente co seu sobriño, o alcalde afirmou que "malo será" que ese encontro non se produza antes de Nadal, porque "sempre" está "disposto ao diálogo con todo o mundo". "Como non vou falar co novo secretario do PSdeG?", expuxo.


Segundo Abel Caballero, "o diálogo é un principio vital dentro dun partido", e asegurou que, sen ir máis lonxe, el fala con Pedro Sánchez "de forma continua".


A OPOSICIÓN ESPERA ENTENDEMENTO


O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, felicitou este luns a Gonzalo Caballero e, tras manifestar o seu desexo de que o novo líder socialista favoreza o "diálogo", rexeitou prexulgar se será un rival máis ou menos "cómodo" para os populares.


"Eu creo que o PP ten a obrigación de sentirse cómodo con calquera interlocutor que democraticamente elixan as bases dos partidos", sentenciou Puy, na habitual rolda de prensa dos luns no Parlamento galego.


Despois de que o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, afirmase que a vitoria de Juan Díaz Villoslada e a súa designación como líder do PSdeG sería "dramática", o portavoz parlamentario do PPdeG deu por feito que ditas palabras "teñen moito que ver coa experiencia do primeiro ano de lexislatura nesta Cámara".


"Quérolle desexar todo o mellor", manifestou o dirixente popular, antes de subliñar que o PSdeG é "unha peza esencial" e "é bo" que haxa unha dirección, cun líder á fronte, co que se poida falar como interlocutor.


Tamén o portavoz de En Marea, Luís Villares, celebrou que o Partido Socialista de Galicia "resolvese a interinidade" da súa Secretaría Xeral para "poder ter unha interlocución" que permita chegar a acordos entre ambas as formacións.


Así, considerou necesario "un encontro de todos os espazos políticos alternativos ao PP" para construír unha "nova maioría" que abra unha "canle de diálogo" para solucionar "problemas políticos como o Catalán, que non se está resolvendo polo inmobilismo do Partido Popular".


relacionada Gonzalo Caballero promete "integración" para "recuperar o músculo político do PSdeG"
relacionada Gonzalo Caballero conquista a secretaría xeral do PSdeG co 58% dos votos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE