Viaqua e o Concello reforzan en Ourense as medidas de aforro de auga
O goberno pretende aforrar 2.500 litros diarios, equivalente a unha piscina olímpica, e a empresa colabora con divulgación e actuacións na infraestrutura.
Ante a alerta por seca activada a semana pasada, que non provocou de momento restricións para a cidadanía, faise máis necesario incidir en medidas preventivas.
O concello de Ourense e Viaqua acordaron poñer en marcha unha serie de actuacións con carácter inmediato "para evitar futuras restricións na subministración de auga" na cidade, tal e como informan nun comunicado.
As medidas, presentadas esta mañá no salón de plenos, pretenden optimizar o consumo reducindo "2.500 litros diarios, a medida dunha piscina olímpica, no consumo municipal", en palabras do concelleiro José Araújo, pero tamén concienciar os particulares de que, "a pesar de que en Galicia estamos moi afeitos a que nos sobre auga, cada medida axuda a non malgastar", segundo Ana Tejeiro, directora territorial de Viaqua.
Así, as medidas tomadas desde o consistorio afectan ás fontes ornamentais, reducen as regas en xardíns municipais e limitan o baldeo para a limpeza das rúas.
En canto á concesionaria da auga, levará a cabo unha redución da presión en horario nocturno (de unha a seis da madrugada) só determinadas zonas. Unha medida que non chegará a notarse pola cidadanía con grandes cambios de caudal, segundo afirmou Francisco Bretal, responsable de Operacións de Viaqua.
Ademais, a empresa divulgará o folleto informativou "10 razóns para aforrar auga" entre asociacións veciñais, nos centros educativos e na praza de abastos.
Preténdese dar a coñecer unha serie de medidas que deberían formar parte da vida cotiá e coas que cada persoa a nivel individual colabora na sustentabilidade do recurso. Son consellos para reducir o consumo de auga en accións como lavar os dentes ou ducharse, ao utilizar a cisterna ou electrodomésticos que usen auga e no exterior da vivenda no referido a rega, limpezas ou baldeos.
Son consellos que tamén poñen a disposición de calquera cidadán a través da súa web.
E é que, tal e como afirmou Ana Tejeiro "o consumo que se fai actualmente está nuns 170 litros por habitante e día e o idóneo sería alcanzar uns 120 litros". Por iso esta campaña diríxese tamén aos adultos, con hábitos máis asentados que os nenos, que son habitualmente os destinatarios de actividades divulgativas.
Escribe o teu comentario