Gonzalo Caballero promete "integración" para "recuperar o músculo político do PSdeG"

|

Gonzalocaballeropsdegsede


O vencedor das primarias do PSdeG, Gonzalo Caballero, pronunciou as súas primeiras palabras como secretario xeral electo para prometer aos seus compañeiros de filas que traballará "duro" para "abrir un novo tempo" no partido e para avanzar "integración" tras soster que "todos" son "necesarios".


En rolda de prensa tras coñecerse o resultado, o 58 por cento co que se impuxo a Villoslada, o economista incidiu na necesidade de facer "un esforzo de compañeirismo" que "fortaleza" a organización nesta nova etapa que arrinca este domingo.


Xunto con este chamamento interno, tamén lanzou unha mensaxe aos galegos, a quen garantiu "un PSdeG máis forte, máis presente na sociedade" e que traballará para construír a "alternativa" ao PP que Galicia "necesita".


Así pois, coas próximas eleccións municipais e tamén cos comicios autonómicos en mente, o vigués nado en Ponteareas traballará para "romper a maioría absoluta da dereita" e derrotar a un Feijóo con "un proxecto acabado". "Se abrimos un novo ciclo con forza e ilusión, volveremos protagonizar o futuro de Galicia", proclamou.


"DÍA DE ALEGRÍA"


Nun "día de alegría" que lle chega tras máis de 22 militando e "traballando duro" polo PSdeG, Caballero tivo palabras de agradecemento para a militancia que participou nestas primarias, para Juan Díaz Villoslada polo seu traballo durante a campaña e, por suposto, para o seu equipo.


Pero fixo un á parte co portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen decidiu retirarse desta carreira e dar o seu apoio ao vigués, ao referirse a el como "un compañeiro" e "un amigo".


"RENOVACIÓN E INTEGRACIÓN"


E, no medio dun aluvión de aplausos, Caballero celebrou o "impulso" que a militancia socialista deu a un proxecto "de renovación, fortalecemento e integración".


O seu obxectivo, como avanzou, é cumprir estes tres aspectos e, ademais, "recuperar" o electorado que o PSdeG foi perdendo e volver conectar co que sempre foi "máis fiel". "Temos que volver conseguir que o PSdeG sexa a alternativa de progreso", salientou.


RESPALDO "MASIVO"


A preguntas dos xornalistas, Caballero declinou opinar sobre se o apoio de Leiceaga foi clave e limitouse a sinalar que a súa candidatura recibiu un respaldo "masivo", con 17 puntos de diferenza sobre o seu opoñente.


A partir de aí, como referiu, hai un novo secretario xeral que "ten que ser o de todos, con independencia de a quen apoiase cada un".


O que si deixou claro é que non prevé ningún movemento encamiñado a forzar a súa entrada no Parlamento, xa que quedou a un só posto de conseguir unha acta.


"A miña folla de ruta é fortalecer o PSdeG e o meu compromiso nos próximos meses vincularase á organización, ao traballo de recuperar o músculo político do PSdeG", afirmou.


Villosladacaballero

Finalmente, deu conta de que aínda non comezou a pensar no equipo que o acompañará na dirección da organización e tamén respondeu que tanto o seu secretario xeral, Pedro Sánchez, como o secretario de Organización, José Luis Ábalos, chamárono para felicitalo.


"POLA FORZA"


Juan Díaz Villoslada, o perdedor nas primarias do PSdeG, felicitou a Gonzalo Caballero á vez que apelou ao "diálogo" para a nova etapa que agora arrinca. "Pola forza non imos a ningún sitio", xustificou esta chamada.


Ante os medios tras confirmarse a vitoria do seu opoñente, Villoslada agradeceu a participación rexistrada nas primarias, do 64 por cento, e os apoios recibidos, dun 42 por cento dos afiliados que acudiron a votar.


Convencido de que as primarias fan "máis forte" o partido internamente e tamén serven para exhibir "fortaleza", tivo palabras de agradecemento tamén para o seu equipo e para a súa familia polas "ausencias" que sufriron nos últimos meses.


A partir de aí, o ourensán afincado na Coruña sinalou aos galegos que o seu partido está "forte" e que "vai coller novas forzas" para levar adiante "unha nova aposta" que lle permitirá "confrontar co PP e as súas políticas conservadoras".


relacionada Gonzalo Caballero conquista a secretaría xeral do PSdeG co 58% dos votos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress