Precariedade, servizos públicos e Estatuto centran as propostas no Hórreo

Os partidos presentaron as propostas de resolución para o Debate sobre o Estado da Autonomía.


|

ParlamentogaliciainteriorInterior do Pazo do Hórreo.


O recoñecemento do dereito a decidir dos pobos por parte do Parlamento, a loita contra a precariedade laboral e contra a violencia de xénero ou a posta en marcha dunha estratexia que permita a Galicia crear "máis e mellor" emprego, son algunhas das 40 propostas de resolución que En Marea levará ao Debate sobre o Estado de Autonomía.


Estas medidas foron presentadas polo viceportavoz parlamentario do partido instrumental, Antón Sánchez este xoves nunha rolda de prensa na que asegurou que, con estas medidas, En Marea busca "dar unha solución ás miles de persoas que non poden ter unha vida digna polas políticas" do Partido Popular.


Con este obxectivo propoñerá un plan de loita contra a pobreza que inclúa a creación dunha "renda galega de cidadanía". Ademais, tamén esixirá a constitución dunha comisión de investigación sobre as condicións de seguridade da rede ferroviaria galega.


IMPULSO ECONÓMICO E ESTATUTO


A recuperación económica, a modernización de Galicia, a mellora do autogoberno e a mellora dos servizos públicos centran as iniciativas presentadas polo PSdeG.


Entre outras medidas, os socialistas urxen a cobertura de todos os dependentes en listas de espera, reclaman un novo decreto que regule o uso do galego na educación, demandan reformar o Estatuto de Autonomía, expoñen iniciativas en materia de industria e abren novas vías para reclamar o traspaso da AP-9.


Diso deu conta en rolda de prensa a viceportavoz socialista no Hórreo, Patricia Vilán, quen tirou de experiencia para dar por feito que o grupo maioritario non aceptará as súas propostas. "Pero oxalá nos equivoquemos e se acepten moitas. Non por nós, porque Galicia necesita saír desta inercia na que levamos máis de oito anos", remachou.


CONSENSO LINGÜÍSTICO


O BNG propuxo a posta en marcha dun relatorio para "superar" o actual marco estatutario e "adaptalo á Galicia do século XXI", blindar servizos públicos con medidas como o compromiso de destinar o 7% do PIB para garantir o ensino público, así como recuperar o consenso político sobre o galego "garantindo e respectando" os dereitos lingüísticos do pobo.


As propostas que os nacionalistas galegos levarán ao Debate sobre o Estado da Autonomía foron presentadas este xoves pola líder do Bloque, Ana Pontón, e a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil.


Entre outras cuestións, o Bloque tamén defenderá a despatoloxización da transexualidade a través dunha lei galega de identidade de xénero, a retirada das reformas laborais, así como a posta en marcha dunha comisión de investigación sobre o accidente de Angrois.


RESPALDO AO REY


O Grupo Parlamentario Popular, con Alberto Núñez Feijóo á fronte, pide que o Parlamento de Galicia exprese a súa adhesión ao contido do discurso formulado o día 3 de outubro polo xefe do Estado, o Rei Filipe VI, ante o conflito catalán e tamén que manifeste "a súa solidariedade e respaldo á Policía Nacional e á Garda Civil no seu labor de defensa e protección dos dereitos e liberdades amparados pola Constitución a todos os cidadáns".


Os populares, no bloque máis político das 40 propostas de resolución que rexistraron, inciden na situación de Cataluña.


O secretario xeral do PPdeG e viceportavoz parlamentario, Miguel Tellado, subliñou que o PP "sempre está coa democracia" e de advertir que o resto de grupos, con especial atención "aos señores das mareas de Podemos", deben "aclarar onde están".


Os populares tamén queren que o Parlamento reitere o seu compromiso "coa convivencia democrática dentro do marco legal" e que "condene todo tipo de accións ou manifestacións que conteñan violencia física ou verbal".


relacionada A oposición repróchalle a Feijóo outro "ano perdido" e o "fracaso" do seu modelo
relacionada Feijóo acepta falar de autogoberno e analizar unha posible reforma do Estatuto

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE