O Museo de Pontevedra dedica unha exposición á precursora do feminismo María Vinyals

|

Museopontevedra 1Presentación da mostra.


'María Vinyals: da aristocracia ao activismo feminista' é o nome da exposición que acollerá o Museo de Pontevedra do 5 de outubro ao 12 de novembro.


Esta mostra está dedicada á figura da precursora do feminismo María Vinyals i Ferrés (1875-1940), sobriña política do marqués de la Vega de Armijo, propietario do castelo de Soutomaior, onde ela naceu.


A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este mércores a exposición acompañada das comisarias da mostra, a investigadoras Aurora Marco e Ángela Comesaña.


Carmela Silva sinalou a María Vinyals "como unha desas mulleres silenciadas e invisibilizadas" e apuntou que esta exposición pretende "recuperar o mellor da nosa historia", polo que expresou o seu desexo de que sexa vista "por toda a provincia de Pontevedra" para que coñezan a esta "gran muller" que é "parte importante da nosa identidade".


Mentres, Aurora Marco detallou a excelente educación que recibiu María Vinyals que dominaba cinco idiomas. Escritora vocacional desde moi nova é autora de 'El castillo del Marqués de Mos en Sotomayor. Apuntes históricos', o máis completo manual ata agora dedicado ao castelo, publicado en 1904. Casou en primeiras nupcias con Juan Nepomuceno Jordán de Urríes, marqués de Ayerbe, do que recibiu o título co que foi coñecida na sociedade da época.


Tras enviudar casou de novo co médico de orixe cubana Enrique Lluria Despau, con quen funda un sanatorio en Soutomaior que acabou fracasando polo boicot da sociedade pontevedresa ao afirmarse que a instalación servía de punto de reunión de destacados líderes esquerdistas, entre eles Pablo Iglesias, fundador do Partido Socialista.


A partir de aí, a vida de María Vinyals inicia un declive coa súa marcha a Cuba e Estados Unidos para falecer en París, durante a ocupación alemá, completamente arruinada.


ACHEGAS


A exposición acolle numerosas achegas que a coñecida como 'Marquesa Roja' fixo a través da prensa en defensa dos dereitos da muller. Tamén foi unha prolífica conferenciante sobre o tema.


Da súa vida e obra dáse conta nesta exposición que está formada fundamentalmente por documentación persoal (custodiada no propio Museo de Pontevedra no seu maior parte), bibliografía, imaxes gráficas e outros testemuños que configuran un percorrido pola súa biografía, froito do traballo de investigación das comisarias da exposición.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress