Os policías nacionais galegos claman contra o "acoso" aos axentes desprazados en Cataluña

|

ComisariacorunhapoliciaConcentración na Coruña. Foto: SUP

Centos de policías nacionais concentráronse este martes fronte ás comisarías das sete cidades galegas --A Coruña, Ourense, Santiago, Vigo, Lugo, Pontevedra e Ferrol-- en apoio aos case 200 axentes galegos que se atopan desprazados en Cataluña e reclamar que "se poñan todos os medios para garantir a súa seguridade".


En concreto, segundo datos facilitados a Europa Press polo Sindicato Unificado de Policía (SUP), na Coruña celebrouse a mobilización máis numerosa, cuns 300 axentes; mentres que en Vigo concretáronse uns 80; e sobre medio centenar en Santiago, Ourense e Ferrol, e en Lugo asistiron unha trintena de policías.


Así, na Coruña, uns 300 axentes da Policía Nacional, segundo os convocantes, concentráronse ante a sede da Xefatura Superior de Policía en Lonzas para expresar o apoio aos seus compañeiros en Cataluña e para pedir ao Ministerio do Interior que "defenda" estes axentes.


Na concentración, convocada polos cinco sindicatos policiais --SUP, CEP, UFP, SPP e ASP--, os participantes exhibiron bandeiras españolas, ademais de corear cánticos a favor de España. Tamén trasladaron mostras de apoio aos axentes desprazados a Cataluña.


En declaracións a Europa Press, Sandra Castro, vicesecretaria xeral do SUP en Galicia, denunciou "a persecución e acoso por parte dos independentistas" aos axentes que se atopan desprazados pola convocatoria do referendo.


MANDATO XUDICIAL


Ademais, indicou que o obxectivo da concentración é pedir ao Ministerio do Interior "que defenda os seus axentes". Do labor destes policías o día do referendo e as críticas suscitadas por algunhas cargas policiais, a representante do SUP sinalou que estes axentes actuaron "cumprindo cun mandato xudicial".


Neste sentido, o portavoz do SUP en Galicia, Roberto González, lembrou, en declaracións a Europa Press, que teñen 185 compañeiros desprazados en Cataluña onde "os taxis se negan a recollelos" e nalgúns lugares "apúpanos e a xente insúltaos e incrépaos". "Teñen que pensar dúas veces saír do barco", lamentou.


Por todo iso, os axentes reclaman desde Galicia ao Ministerio do Interior que "non deixe abandonados á súa sorte" os membros das Forzas e Corpos de Seguridade e "poña todos os medios para garantir a súa seguridade".


O portavoz do SUP en Galicia considerou que "o domingo se fixeron as cousas mal" por parte dos Mossos d'Escuadra. "Os Mossos fallaron", afirmou para engadir que "Policía Nacional e Garda Civil desaloxaron colexios en situacións complicadas". "A Policía só cumpría ordes de xuíces e fiscais. Non teñen nada en contra de ninguén", apostilou.


"Fixérono o mellor que puideron", resaltou o portavoz e Galicia do SUP, á vez que subliñou que "non lles deixan actuar como en circunstancias normais". Así, insistiu en lamentar que "os Mossos están a se mover entre dúas augas e morneza".


DIFERENZA SALARIAL


Por outra banda, e coincidindo coa protesta, o SUP, xunto cos outros sindicatos policiais, piden ao Goberno central que "elimine as diferenzas salariais entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado".


En concreto, reclamaron que se "equiparen" os salarios dos axentes da Policía Nacional cos da autonómica xa que, segundo explican, nalgúns casos hai ata uns 600 euros de diferenza cos Mossos.


relacionada Só os cargos do PP apoian desde Galicia a actuación policial en Cataluña
relacionada Bruxelas reprende a España porque "a violencia nunca pode ser instrumento en política"
relacionada Miles de cataláns participan nas manifestacións contra a actuación policial

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress