O vigués Antonio García Teijeiro gaña o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil

|

Garciateijeiropremionacional


O vigués Antonio García Teijeiro obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil na súa edición 2017 pola súa obra 'Poemar o mar', escrita en galego.


O galardón concédeo o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para distinguir unha obra de autor español, escrita en calquera das linguas oficiais do Estado e editada en España durante o ano 2016. A dotación económica do premio é de 20.000 euros.


O Xurado decidiu premiar o autor e á súa obra "por ser un libro cargado de emoción, cunha brillante elección léxica, onde o mar é o gran protagonista, poboado de criaturas que transitan por orixinais e suxestivas composicións poéticas".


Antonio Manuel García Teijeiro é un dos grandes poetas e narradores da literatura infantil e xuvenil galega. Crítico e especialista en literatura infantil e xuvenil, imparte cursos de animación á lectura, creación literaria, talleres de poesía e conferencias e participou en diversas xornadas didácticas e literarias.


'Poemar o mar' é un libro de poemas que forma parte dunha triloxía composta ademais por 'No berce do mar' e 'Palabras do mar'. Estas tres obras teñen o mar como gran protagonista. Xan López Domínguez ilustra a obra.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress