Só os cargos do PP apoian desde Galicia a actuación policial en Cataluña

|

Policiareferendum


O día despois da celebración do referendo ilegal deixa reaccións enfrontadas entre os políticos e cargos públicos galegos. Só desde o PP se defende a actuación policial, como "proporcionada", mentres o resto a cualifica como "esaxerada".


O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), acusou ao Goberno do Estado de utilizar "a violencia" dunha forma "esaxerada e improcedente".


"Todos sabiamos o que podía pasar", manifestou antes de recoñecer que "inxenuamente" pensou que as forzas e os corpos de seguridade do Estado serían "un pouco máis comedidas".


Na mesma liña pronunciouse o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, que reclamou a dimisión de Rajoy tras o balance de feridos e o que cualificou de "resposta desproporcionada" por parte do Executivo central.


Para o rexedor coruñés, Rajoy "escudouse" en axentes da Policía Nacional e a Garda Civil "para non resolver politicamente o problema" catalán. "Isto non vai da independencia de Cataluña, senón de que tipo de resposta se dá aos problemas", insistiu.


Desde o goberno municipal de Santiago de Compostela tamén pediron a dimisión do presidente do Executivo estatal.


A edil de Economía, María Rozas, e a portavoz do goberno Compostela Aberta, Marta Lois, aseguraron que este domingo a cidadanía "volveu ser espectadora dun Goberno español que non ten capacidade política para resolver conflitos".


Na súa intervención, a concelleira acusou ao Estado español de "dar un espectáculo bochornoso" a toda Europa. "Hoxe todos os xornais referentes abren con críticas ao Goberno español e, con todo, fronte a isto, Rajoy confirma unha vez máis a súa incapacidade política", manifestou.


Para o alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, agora "é tempo de que a política actúe", tras o "basto simulacro" de referendo deste domingo en Cataluña, e chamou aos políticos para estar "á altura das circunstancias".


RAJOY, "INHABILITADO"


Desde os partidos, o portavoz de En Marea, Luís Villares, sinalou que o presidente do Goberno quedou "inahilitado" por unha actuación absolutamente inxustificada e desproporcionada" por parte das forzas de seguridade do Estado.


"Onte non asistiamos a un debate xurídico. Asistiamos a un debate político ao que se lle deu desde a cidadanía de Cataluña unha resposta política: a participación. Non nos movemos nun debate que poida reducirse en termos de Código penal ou de Dereito Penal senón en termos de participación política. O valor político de onte é evidente", aseverou.


O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, evidenciou que o Goberno "se equivocou" ao actuar "contra a cidadanía" e non "contra quen estaba promovendo" o que finalmente foi "un sucedáneo de referendo" en Cataluña.


A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou o exemplo de "civismo", de "pacifismo" e de "defensa da democracia" mostrado este domingo polo pobo catalán, que contrapuxo coa "outra imaxe" da xornada: a da "represión" do Estado e a violencia "inxustificable e imperdoable" que comparou con "a España do NO-DO".


En rolda de prensa, Pontón sinalou que os diarios de toda Europa "se fan eco das imaxes vergoñosas" rexistradas durante a xornada.


"PROVOCARON INCIDENTES"


O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, lembrou que a actuación policial en Cataluña obedeceu un "mandato xudicial" de parar un referendo de independencia declarado ilegal polos tribunais, polo que sinalou que os axentes tiveron que facer fronte a "unha situación moi complicada nun contexto no que moitos estaban claramente a favor de impedir o desenvolvemento das súas funcións".


"Estaban a tentar provocar que houbese incidentes e que os axentes non cumprisen co encargo dos xuíces", declarou Puy en comparecencia de prensa este luns, na que indicou que "se houbo un posible exceso" na actuación das forzas da orde o pasado domingo é unha cuestión que "vai estar ao sometemento da xustiza".


O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, lamentou o número de feridos, pero asegurou que as Forzas e Seguridade do Estado actuaron para "defender a legalidade".


Villanueva considerou que as cargas policiais rexistradas este domingo e os enfrontamentos entre cidadáns e axentes "é unha situación á que non se debeu chegar".


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, apoiou a actuación do Executivo central en Cataluña e asegurou que fixo "o que todos" esperaban "que fixesen". "Defender a Constitución e o ordenamento público", engadiu. Preguntado polas cargas policiais, indicou que as imaxes deste domingo reflicten "unha situación difícil".


Con todo, dixo que os axentes da Policía Nacional e a Garda Civil actuaron con "firmeza e prudencia". Pola contra, criticou os Mossos d'Esquadra. Deles, afirmou que "incumpriron desde o primeiro minuto" as resolucións xudiciais.


relacionada Bruxelas reprende a España porque "a violencia nunca pode ser instrumento en política"
relacionada O Goberno catalán insiste na súa idea de aplicar o resultado do referendo ilegal
relacionada Centos de feridos durante as cargas policiais para desmantelar a votación ilegal

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress