​O despropósito político e o respecto aos Dereitos Humanos

Manoel Barbeitos
Economista

Papeletaurnareferendum


Debo subliñar que contemplando o que estaba sucedendo en Barcelona o 1-O un arrepío percorreu o meu corpo. Viñéronme a memoria imaxes de hai corenta anos cando os terribles sucesos de Vitoria (marzo 1976: cinco traballadores mortos por unha carga policial contra unha asemblea de traballadores) e Pamplona (maio 1977 e xullo 1978, coincidindo coas festas de San Fermín e cando representantes militares do goberno español declararon que había que dar un escarmento a esa cidade por que era moi rebelde). A diferenza é que se naqueles anos estabamos na transición deica unha democracia agora estamos nunha democracia ten máis de corenta anos pero que, porén, está moi lonxe de ser unha democracia consolidada.


As semellanzas son moitas. De novo un pobo sae a rúa a defender os dereitos e as liberades e, no caso de Catalunya, o seu dereito a pensar, votar e decidir. Un dereito democrático. O de menos neste momento son as tramposas tácticas da Generalitat e os partidos que apoian para conseguir os seus obxectivos políticos. O que conta é que o dia 1 de outubro do 2017 pasará a historia negra de España como o día en que de novo os dereitos e as liberdades democráticas foron machucados pola violencia do Estado.


Se daquela o responsable foi o goberno español do sinistro Arias Navarro que tiña como Ministros do Interior no primeiro caso a M. Fraga Iribarne –"a rúa é miña"- e no segundo a R. Martín Villa, agora o máximo responsable é tamén o goberno español, que preside o inútil e irresponsable Mariano Rajoy pero a quen acompañan un feixe de ministros igualmente incompetentes e irresponsables. Un goberno (PP) que, todo hai que dicilo, conta cun coro de altofalantes que son a vergoña de Europa ("a por ellos").


Non comparto de ningures a estratexia de JxSi, e moito menos a da CUP, que intentan unha irresponsable fuxida deica adiante coa que tapar tanto a enorme corrupción dunha parte relevante da clase política catalá (velaí os casos de Banca Catalana, ITV, Palau, Adigsa, Operación Clotilde, etc.) como a nefasta xestión que tanto en política fiscal como en materia de igualdade e progreso social está levando adiante a Generalitat. Diría mais: a súa estratexia está levando a Catalunya a un canellón sen saída. Algo que xa teño subliñado dende estas mesmas páxinas.


Pero iso, sendo importante, queda en segundo lugar logo da barbarie que vén de ter lugar en Catalunya. Unha barbarie que, de ningures, pode quedar impune. Non só pola barbarie en si, o que xa sería suficiente, senón que porque esta actuación criminal vén a ser un capítulo máis, polo de agora o máis brutal, dunha estratexia que deliberadamente procura o enfrontamento para así xustificar novas políticas de axuste fiscal, que incrementan as desigualdades ao tempo que o patrimonio do IBEX35, de recortes de dereitos e liberdades e, tamén, de desmontaxe do Estado das autonomías. Unha estratexia que busca, asemade, a impunidade da rampante corrupción sistémica que se ten a oligarquía financeira e inmobiliaria como financiadora, ten a moita da clase política española (maiormente o PP) e catalá (especialmente CiU) como beneficiarias.


Neste contexto de despropósitos políticos e ataque aos Dereitos Humanos e as liberdades democráticas chama poderosamente a atención, en sentido negativo, a postura do PSOE. Moito máis cando se compara coa postura da valente e admirable alcaldesa de Barcelona Ada Colau, que foi quen de antepor a defensa dos dereitos e liberdades democráticas en Catalunya ás súas coñecidas grandes diverxencias coa actual Generalitat e os partidos que a sosteñen. Triste, moi triste que o que parecía un rexurdir deste partido histórico, logo da vitoria de Pedro Sánchez sobre as baronías, moi pronto se quedou en nada ou case nada. Moi triste e moi preocupante porque a democracia en Galicia e en España precisa de que este partido recupere as súas esencias.


Se triste é o papel que está a desempeñar o PSOE, admirable é o posicionamento e a actitude doutros partidos democráticos, como por caso UNIDOS PODEMOS –e as súas confluencias EN MAREA, COMPROMÍS, COMÚNS...-, PNV, BNG... que parecen ter moi claro que a defensa dos Dereitos Humanos e as liberdades democráticas está por riba das diferenzas políticas e que, tamén teñen moi claro, o que está en xogo hoxe en día en Catalunya, en España e, xa que logo, en Galiza. Está en xogo a liberdade que tanto nos custou conseguir.


Por todo elo cómpre pór en marcha, con urxencia, unha alternativa de goberno a nivel español. Cómpre que os partidos da oposición se poñan de acordo para levar adiante unha moción de censura que remate con este goberno corrupto e criminal (PP) e que, tamén, poña por fin final ao xa superado réxime do 78. Cómpre facelo, pois do contrario os dereitos e as liberdades democráticas duramente conquistados sufrirán un terrible retroceso.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE