Caballero e Leiceaga mostran o seu pacto como exemplo de integración dentro do PSOE

O portavoz parlamentario reivindica o seu paso atrás para que o liderado que saia das primarias sexa máis maioritario.


|

Leiceagagonzalocaballero 1


O vigués Gonzalo Caballero e o noiés Xoaquín Fernández Leiceaga presentaron este luns o seu proxecto "sen tutelas nin baronías" para liderar o PSdeG, materializado nun documento de dúas páxinas que non inclúe "cambios de cromos" e que persegue "a renovación, o fortalecemento e a integración" dentro da organización socialista.


En rolda de prensa na sede local do partido en Santiago, a mesma na que hai un ano e medio Caballero anunciou o seu apoio a Leiceaga nas primarias para elixir o candidato socialista á Xunta, o actual portavoz parlamentario presentou a súa "renuncia" e o seu "apoio firme e entusiasta" para que o vigués acceda ao liderado do PSdeG.


"Compartimos un proxecto que consiste en abrir un novo ciclo político para o PSdeG, que deixe atrás as dificultades e os problemas do pasado", argumentou Leiceaga, partidario de que o seu partido supere a actual situación de "inercia, parálise e bloqueo" que está a lastrar a súa acción política e os seus resultados electorais.


Con ese obxectivo en mente, defendeu que o PSdeG necesita que o novo líder estea "referendado pola maioría", algo só posible cun cara a cara e non cunha votación entre tres candidatos. Iso, xunto co ofrecemento "leal" para que todos os militantes poidan "ter un papel" na nova etapa, será o que dote de "fortaleza" as súas siglas.


Só así, proseguiu o economista afincado en Santiago, poderá a súa formación converterse no "eixo vertebrador da esquerda en Galicia" a través de "un proxecto autónomo e galeguista". E "o importante", remarcou, é que o PSdeG recupere "o papel que merece" e "non as lexítimas ambicións persoais de cada un".


O PROTAGONISMO, DA MILITANCIA


Pero máis aló destes principios que debullou, e que Gonzalo Caballero apoiou a continuación, Leiceaga xustificou o seu paso atrás na carreira destas primarias en que non se pode permitir que "sexan baronías ocultas ou presentes" as que decidan o futuro do PSdeG en lugar dos militantes.


"A nova política consiste en dar o peso da decisión aos militantes", corroborou o vigués, coa vista posta na votación do próximo domingo, á vez que respondeu ás críticas do outro candidato en liza, Juan Díaz Villoslada, que "a nova política tamén é vontade de acordo e transparencia".


Esa "transparencia" é o que, segundo as súas palabras, lles permite presentar publicamente ante os medios de comunicación o acordo selado entre ambos tras varias conversacións nos últimos días. "Outros non teñen a capacidade de facelo polas baronías que teñen detrás", sentenciou.


E tamén en referencia ás queixas de quen fose xerente da Universidade da Coruña por este pacto, lembroulle que non altera a "liberdade" dos afiliados para decidir. "Non hai intercambio posible, porque o voto está nas súas mans e ninguén o pode cambiar", salientou Gonzalo Caballero.


"XENEROSIDADE"


Outro dos aspectos que puxo en valor Leiceaga é a "xenerosidade" que subxace tras o acordo con Caballero, tanto no que incumbe á súa retirada como no relativo á vontade de integración do seu compañeiro de filas.


"Se compartimos o diagnóstico de que o partido está fragmentado e dividido, e de que iso lle resta eficacia política, ser capaz de integrar a outro candidato compartindo con el o futuro ten un enorme valor", opinou, non sen considerar esta actitude unha mostra de que "ese esforzo" poderase facer "para o conxunto do partido".


Pola súa banda, Caballero considerou "un pracer e unha honra" percorrer de forma conxunta con Leiceaga o camiño para "construír ese PSdeG máis forte e renovado", no que "o cambio" e "o proxecto" están "por encima das persoas".


Así, quixo deixar claro que o acordo se basea "nunha posición política conxunta" enfocada a "fortalecer" o PSdeG, sen que iso implique outro tipo de negociacións sobre postos. "Queremos abrir unha nova etapa, un novo tempo político, para liderar unha maioría social de progreso", proclamou.


Dito isto, tras apoiar o labor de Leiceaga como portavoz parlamentario e asegurar que non prevé reclamar a acta a ningún compañeiro para converterse en deputado, avogou por "intensificar" a actividade orgánica e política tamén fóra da Cámara.


"NON COMPATIBLE CON BARONÍAS"


A preguntas dos xornalistas, o economista vigués explicou que este proxecto conxunto non se abriu a Villoslada a pesar da "boa relación persoal" que os une debido á "incompatibilidade" das súas visións sobre como debe rexerse o PSdeG.


"Abrir unha nova etapa non é compatible cunha operación deseñada polas baronías e o vello aparello para manter o statu quo", esgrimiu, á vez que expresou a súa coincidencia con Leiceaga como persoas "da esquerda galeguista" con "ideas de renovación".


EXPECTATIVAS PARA O DOMINGO


E, sobre a posibilidade de que a suma de avais non se traduza en votos o vindeiro domingo, reflexionou sobre que as firmas recollidas polos aparellos "teñen unha maior indefinición" e non está "tan garantido" que se convertan en papeletas, como lle ocorreu á presidenta andaluza, Susana Díaz.


En cambio, subliñou, cando "se recollen desde abaixo", adoitan ter "un compoñente de apoio moi claro", de modo que a súa conversión en apoios é máis aproximada. Os votos, profundou Leiceaga, son "libres e segredos", dous compoñentes que non teñen os avais, que han de depositarse con nomes e apelidos.


ESTRUTURA COMARCAL


No documento de integración facilitado aos xornalistas, Gonzalo Caballero e Xoaquín Fernández Leiceaga expoñen "un PSdeG máis participativo", que fomente "a rendición de contas" e que estea máis "aberto á sociedade".


Así mesmo, promete crear unha estrutura comarcal, unha fundación e unha escola de formación, mentres aposta pola "coordinación" entre o secretario xeral e o portavoz parlamentario e sinala a necesidade de traballar de forma "inmediata" na preparación dos comicios locais.


relacionada Leiceaga e Gonzalo Caballero unen nunha única lista as súas candidaturas ás primarias
relacionada Villoslada critica "vellas prácticas" de "pactos e repartos de cadeiras" dos seus rivais

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE