A reparación ás vítimas do franquismo da cidade herculina dá un paso máis

|

EsculturahomenajememoriacorunhaEscultura de homenaxe ao Batallón Galicia.


O goberno local da Coruña impulsa a creación dun Consello Municipal da Memoria Democrática, un órgano consultivo e de participación vinculado ás políticas municipais para a recuperación da memoria persoal e familiar das vítimas da guerra civil e a ditadura e a atención e apoio á súa descendencia directa.


O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, anunciou a súa inminente constitución -que se plasmará nun decreto que o rexedor asinará esta próxima semana- durante a súa intervención na homenaxe á memoria dos homes que formaron parte do coñecido como Batallón Miliciano de Galicia, asasinados na Fonsagrada en 1937, un acto celebrado esta tarde xunto ao faro de Oza, e organizado polo Concello en colaboración coa Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH).


Como avanzou Ferreiro, o Consello nace coa finalidade de promover a reparación moral e a recuperación da memoria persoal e familiar daquelas persoas que padeceron persecución ou violencia por razóns políticas, ideolóxicas ou de crenza relixiosa durante a Guerra Civil e a ditadura, e para dar resposta ao establecido na Lei de Memoria Histórica e atender ás demandas das vítimas en termos de verdade, xustiza e reparación, "dentro do compromiso inalterable deste goberno local coa memoria".


"Seguimos avanzando no traballo para a recuperación da memoria e a reparación e a restitución da dignidade ás vítimas, como a fixemos coa retirada do rueiro da cidade de todo referente da represión franquista", destacou alcalde, que avanzou a futura creación dunha Oficina Municipal de Atención ás Vítimas, en consonancia coa moción impulsada polo grupo de goberno e aprobada polo Pleno municipal o pasado mes de febreiro.


O Consello da Memoria Democrática estará aberto á participación, tanto dos grupos municipais, como de asociacións, entidades, investigadores e historiadores que traballen pola recuperación da memoria histórica


relacionada A Deputación da Coruña publica un mapa de represaliados polo franquismo
relacionada Coruña debate crear unha Oficina de atención ás vítimas do franquismo

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress