Os tres candidatos a liderar o PSdeG móstranse optimistas no arranque oficial da campaña

Gonzalo Caballero, Leiceaga e Villoslada aproveitarán os 12 días que quedan para visitar agrupacións locais e mobilizar aos militantes.


|

Villosladaleiceagagonzcaballero


Este martes arrinca oficialmente a campaña das primarias do PSdeG, un total de 12 días que finalizan na xornada de votación do 8 de outubro e que os tres candidatos aproveitarán para continuar visitando agrupacións socialistas por toda Galicia.


Polo momento, e á luz dos datos dos avais conseguidos para impulsar as súas pretensións de liderar o PSdeG, todos eles se mostran con "ganas" e con boas sensacións.


Gonzalo Caballero, o que máis firmas presentou, avanzou que utilizará os días que restan ata a votación para seguir percorrendo agrupacións e, así, "mobilizar o impulso de cambio" que detecta entre os seus compañeiros de filas.


Tras visitar xa unhas 70 sedes, o seu proxecto de "renovación para abrir unha nova etapa" no PSdeG virará polas catro provincias, tanto por cidades como por vilas intermedias e pequenos concellos, onde defenderá a súa capacidade de "xerar unha alternativa de esquerdas".


"Hoxe Baralla (Lugo); mañá, Culleredo (A Coruña); pasado, Pontevedra...", enumerou, á vez que expresou a "ilusión" coa que afronta esta fase do proceso, visto que a súa mensaxe está "a calar". "Con humildade, pero con boas perspectivas", resumiu.


"ARRINCAR O MOTOR DO PSdeG"


Quen obtivo o segundo maior número de avais, Xoaquín Fernández Leiceaga, tamén aprecia que o seu proxecto de "unidade e integración" está a ter "éxito" entre a militancia socialista.


É por iso que fará "un esforzo grande" nos días que faltan para seguir gañando apoios a través de visitas a agrupacións nas que aínda non estivo e de encontros con diferentes colectivos, como as Xuventudes Socialistas e o sector LGTBI.


Municipios coruñeses como Boiro e Oleiros e lucenses como Monforte son algunhas das súas próximas paradas, que haberá de compaxinar co seu labor como portavoz parlamentario.


Co obxectivo en mente de "arrincar o motor do PSdeG", tal e como el mesmo sinalou, lembrou que xa conseguiu "remontar" a quen dicía que sería o último en avais. "Iso permítenos dicir que imos cara arriba", saudou.


"OPTIMISTA REALISTA"


Finalmente, Juan Díaz Villoslada mostrouse "optimista realista" ao augurar que a militancia socialista "vai ir vendo progresivamente" que só a opción que el encabeza busca "abrir unha etapa nova con máis visión de futuro".


As outras dúas, ao seu xuízo, encarnan máis "o pasado" mentres se centran "demasiado" nel en lugar de "estar con propostas e medidas". É por iso que deu por feito que as "boas vibracións" que percibe "irán a máis".


Así pois, seguirá visitando "todos os recunchos" de Galicia despois de que xa coñeceu preto de 70 casas do pobo. "E atópome con máis forza que o primeiro día", salientou, para apuntar que tamén podería facer encontros sectoriais.


relacionada Villoslada rexeita pactos con outros candidatos e Leiceaga reitera o seu ofrecemento
relacionada Gonzalo Caballero supera en número de avais das primrias a Leiceaga e Villoslada

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE