Chus Pato reivindica a poesía no seu discurso de ingreso na RAG

|

Chuspatorag


A poetisa ourensá Chus Pato ingresou este sábado como membro de número na Real Academia Galega cun discurso no que defendeu que se achegue a poesía ás novas xeracións a través da educación e no que reivindicou o aumento da presenza feminina no seo deste órgano.


O acto tivo lugar no Paraninfo do IES Otero Pedrayo de Ourense, onde a escritora realizou os seus estudos, e contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; a deputada de En Marea Ánxeles Cuña e o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, entre outros.


"Fíxome moita ilusión volver estar aquí, onde fixen o meu ingreso morta de medo con nove anos", sinalou unha "emocionada" Chus Pato, que a pesar de non residir na cidade das Burgas lembrou que para ela "é a única cidade do mundo real".


POESÍA E MOCIDADE


No seu discurso de ingreso a poetisa reclamou o "dereito dos nenos e mozos" a "ser educados na arte da poética" e que poidan desenvolver esta paixón a través de estudos superiores de Poesía "se así o desexan".


Por iso defendeu a posta en marcha de "cátedras" que impartan estudos de poesía como xa ocorre "noutras universidades do planeta", e que deberían servir como "altofalante" para os poetas xa consagrados e como punto de encontro para que "as xeracións máis novas poidan recoller a súa herdanza".


Así, botou man da súa experiencia persoal e lembrou o "importante papel" que xogaron na súa vida nomes como o do ex académico Xesús Ferro Couselo, que foi o seu profesor no instituto e que chegou a "encubrir" a súa participación nun acto da UPG ante a policía franquista.


MAIOR PRESENZA FEMININA


Pero, ademais de reivindicar a poesía como "un dos medios que usa calquera idioma para sobrevivir", a nova académica tamén apostou pola necesidade dunha maior presenza das mulleres en institucións como a RAG.


Nesta liña remitiuse ás palabras da académica, recentemente falecida, Xohana Torres nas que afirmaba que "as mulleres sosteñen a metade do ceo". "O normal é que tamén poidamos estar nesoutra metade da terra, sen estar escondidas", engadiu Pato.


Para a escritora ourensá "a RAG está a facer un esforzo" nesa dirección, polo que "agarda" que a vacante de Xohana Torres "tamén sexa cuberta por unha muller".


MOMENTO HISTÓRICO NA RAG


O propio presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, destacou que "por primeira vez na historia" desta institución a nova académica fixo o seu ingreso escoltada por dúas mulleres, as escritoras Marilar Alexandre e Fina Casalderrey.


Freixanes cualificou como "unha gran alegría acoller" unha "nova compañeira" que representa "o gran impulso das letras contemporáneas en Galicia e a incorporación da muller como parte activa de todos os ámbitos da sociedade".


Ademais considerou que a presenza das académicas significa unha substitución para "a bandeira que un día ergueu Rosalía de Castro".


Chus Pato ocupa a cadeira que quedou vacante tras o falecemento do tamén ourensán Xosé Fernández Ferreiro, a quen lembrou con afecto. "A el úneme a ribeira do Miño, terra do meu pai" dixo a escritora, que tamén rememorou a outros académicos que a precederon neste posto como Francisco Fernández del Riego, Florentino López Cuevillas e Uxío Carré.


relacionada Xa coñecemos os cinco candidatos para o Día das Letras Galegas de 2018
relacionada Freixanes denuncia a desvantaxe orzamentaria da RAG fronte ás academias vasca e catalá
relacionada Freixanes critica a demagoxia do discurso da "imposición" do galego

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress