Seis días para que os donos se fagan cargo de dous edificios en ruínas
O Concello empraza de urxencia a tomar medidas de seguridade en dous inmobles que a pasada fin de semana se incendiaron.
Ao fondo, os edificios en ruínas.
A xerencia de Urbanismo do Concello de Vigo aprobou este mércores as resolucións para instar os propietarios dos edificios situados nos números 38 e 40 de López de Neira a adoptar medidas urxentes de seguridade, para o que lles dá un prazo de seis días.
Así o confirmou o alcalde, Abel Caballero, en declaracións aos medios, e explicou que os donos dos inmobles, que están en situación de ruína e que a pasada fin de semana resultaron afectados por senllos incendios, deben "actualizar" as medidas de seguridade que xa tiñan.
Ademais de limpar as parcelas e establecer mecanismos para evitar o paso da auga aparcelas anexas, deberán tapiar portas e xanelas, desmontar aqueles elementos que estean en risco de caída inminente, limpar e valar as parcelas, e colocar marquesiñas metálicas.
Segundo explicou o rexedor, se os propietarios dos edificios non acceden a realizar esas obras, enfróntanse a multas coercitivas que poden chegar aos 10.000 euros trimestrais, ademais de arriscarse a que sexa o Concello o que realice os traballos e logo teñan que pagalos.
Escribe o teu comentario