Menos coches nas cidades na semana europea da mobilidade

|

Bicicletaciudad 1


Ourense e A Coruña inician este sábado actividades para concienciar de que "non hai marcha atrás" na "recuperación do espazo público".


Ourense acolle ata o 22 de setembro unha nova edición da semana europea da mobilidade, con máis dunha ducia de actividades coas que o Concello e a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) pretenden "informar e implicar os cidadáns" para facer un uso responsable dos vehículos dentro da cidade.


Así o sinalou o director provincial da DXT, David Llorente, que confirmou que a súa entidade "cederá material didáctico e divulgativo" coa intención de concienciar os ourensáns na necesidade de adoptar medidas que impliquen un menor uso dos vehículos e un aumento doutros sistemas de transporte como as bicicletas ou os medios comunitarios.


"Non hai marcha atrás, hai que ir arrinconando a presenza de vehículos a motor dentro da cidade", reiterou Llorente, que tamén lembrou que "as reformas lexislativas apuntan cara á erradicación dos coches e a promoción da peatonalidade e o uso das bicicletas".


O portavoz do goberno local, José Araújo, foi o encargado de presentar as actividades propostas "polo grupo de goberno e a oposición" para conmemorar a Semana Europea da Mobilidade.


O concelleiro de Deportes, Mario Guede, resaltou que este ano a Semana da Mobilidade coincidirá con dous eventos deportivos tradicionais da cidade das Burgas: a 33 edición do Día da Bici (17 de setembro) e o circuíto de "Correndo x Ourense" no barrio da Ponte (24 de setembro).


MÁIS BICIS E PEÓNS


O Concello da Coruña celebrará a partir deste sábado a Semana da Mobilidade "co obxectivo de poñer en valor os servizos públicos e fomentar entre os veciños modos de mobilidade sustentable".


Así o explicou, en rolda de prensa, o concelleiro de Mobilidade, Daniel Díaz Grandío. Na súa intervención, destacou o "notable aumento" de actividades respecto da pasada edición con xornadas portas abertas na sala de pantallas da Policía Local ou o II Ciclo de Monólogos en Movemento.


Tamén haberá unha nova aplicación para escoller as futuras localizacións de aparcadoiros de bicicletas ou unha carreira de medios de transporte urbano.


O Cantón Grande será o epicentro da celebración con carrís habilitados ao uso peonil nunha aposta "pola recuperación do espazo público por parte da cidadanía", explicou o edil.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress