Adeus a Bautista Álvarez, un dos fundadores da UPG e do Bloque

O histórico dirixente nacionalista faleceu aos 84 anos, segundo fixo público a organización.


|

BautistaalvarezBautista Álvarez. Foto: Twitter


O histórico dirixente nacionalista Bautista Álvarez (San Amaro, Ourense), un dos fundadores da UPG, faleceu aos 84 anos de idade, segundo informa a organización a través da súa conta en Twitter.


Naceu en 1933 en Loucía, pequena aldea da parroquia de Lás, no concello de San Amaro. O menor de tres irmáns dunha familia de modestos agricultores, segundo a recensión da UPG na súa páxina web, aos 10 anos ingresou no Seminario de Ourense, onde estudou Humanidades e Filosofía.


O acceso a publicacións chegadas da diáspora arxentina e textos sobre o Estatuto de 1936 xunto coa represión lingüística alí vivida servíronlle para consolidar algunhas teorías. Participou como membro fundador da Unión do Povo Galego (UPG) o 25 de xullo de 1964, e foi un dos que redactou os '10 puntos' programáticos. Nestes primeiros anos de vida, a UPG era sobre todo un grupo de formación e sensibilización ideolóxica nacionalista centrado en Vigo e en Madrid especialmente.


Tras pasar case 10 anos en Madrid, a principios de 1973 trasladouse a Vigo e empezou a traballar nunha empresa do Porriño. Nese momento pasou a formar parte --dentro da clandestinidade política-- do Comité Executivo da UPG.


Perseguido durante varias veces polas forzas represivas, durante o estado de excepción de 1969 ingresou na prisión de Carabanchel, acusado de manter ideas "separatistas marxistizantes".


Morto o ditador, durante 1977, ademais de permanecer 15 días no cárcere de Vigo e de ser procesado polo Tribunal de Orde Pública, pasou polos cuarteis da Garda Civil de Cangas, Verín e Pontevedra, e sufriu unha rotura de costela como consecuencia de torturas.


A finais de agosto de 1977, durante a celebración do I Congreso da UPG, resultou elixido presidente, data desde a que foi reelixido nos sucesivos congresos ata a celebración do último, o XII, en novembro de 2008, no que expresou o seu desexo de non candidatarse.


Así mesmo, formou parte ininterrompidamente dos órganos de dirección deste partido ata o dito congreso. Participou tamén na fundación do Bloque Nacionalista Galego e foi membro da súa Comisión Permanente desde 1982 ata 2002.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE