Ana Pontón chama a saldar a "débeda ética coas vítimas" do franquismo
A líder do Bloque tacha de "indecencia" que Rajoy non gaste "nin un euro" na memoria "mentres Feijóo doa 53.000 aos Franco".
Concentración do BNG polas esculturas.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tachou de "indecencia política que Rajoy presuma de non gastar nin un euro na aplicación da lei estatal da memoria histórica, mentres Feijóo desde a Xunta doa 53.000 á familia Franco para xestionar as visitas a un pazo que é propiedade dos galegas".
En plena polémica polo Pazo de Meirás e outras propiedades espoliadas polo Franquismo en Galicia, Pontón criticou que o pazo "está convertido nun parque temático de exaltación do franquismo".
Fronte a iso, nun acto este sábado, fixou como prioridade para os nacionalistas dunha lei de memoria histórica galega o resarcimento ás vítimas da ditadura.
En concreto, Pontón participou na homenaxe do Bloque a Pedro Galán Calvete, quen fora secretario de organización das mocidades galeguistas asasinado polos golpistas con apenas 19 anos, e cuxo cadáver apareceu nunha cuneta da Corveira na Coruña o 16 de setembro de 1936.
"DÉBEDA ÉTICA"
Ao comezo do acto, no cemiterio coruñés de San Amaro, destacou que o texto para unha lei galega de memoria histórica que o BNG remitirá ao Parlamento en breve ten "como un dos principais obxectivos establecer os mecanismos necesarios para resarcir e restituír a dignidade de todas as vítimas do franquismo".
"Temos esa débeda ética coas vítimas, con todas as persoas que, como Pedro Galán, loitaron pola liberdade, pola democracia, por un país mellor, e nesa loita perdérono todo, mesmo a súa vida, como no caso deste mozo galeguista cuxo único delito foi plantarlle cara ao fascismo", subliñou.
"Por iso, o BNG quere que Galicia conte cunha lei propia de memoria histórica que supoña un recoñecemento das vítimas do fascismo e lles brinde unha reparación xurídica e económica, lei que estamos a ultimar para enviar ao Parlamento e sometela a debate e consideración do resto dos grupos, despois de solicitar as propostas de asociacións, entidades e investigadores nesta materia", explicou.
COMISIÓN DA VERDADE
O BNG reivindica unha política pública da memoria desde o Goberno galego con máximo rango institucional, que sexa transversal e participativa, que inclúa anular todos os xuízos e as condenas ditadas polos tribunais do franquismo entre 1936-1975, exhumación das vítimas en fosas comúns cun plan específico e a supresión de toda a simboloxía fascista.
Propón tamén a creación dunha comisión da verdade, unha oficina de atención ás vítimas así como a elaboración dun amplo estudo que recolla a información da represión pero tamén da loita de resistencia contra o franquismo, por exemplo a guerrilla, e que se faga a través do sistema educativo e dos medios de comunicación públicos.
O acto tamén contou coa participación de Pedro Galán Horro, en nome da familia, Francisco Rodríguez e Pilar Pallarés.
Escribe o teu comentario