O BNG reclama que Feijóo pague do seu peto a multa polo concurso eólico

As indemnizacións que a Xunta está condenada a pagar a 6 empresas ascenden a 3 millóns de euros.


|

Eolicaaerogeneradores



A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, animou ao presidente da Xunta a que "voluntariamente acepte pagar do seu patrimonio persoal" os 3 millóns de euros que o Goberno galego liberou para asumir pagos por anular o concurso eólico do bipartito.


"Que non espere a que lle requira o Tribunal de Contas o pago deses 3 millóns e que voluntariamente acepte pagar do seu patrimonio persoal decisións absolutamente irresponsables que non se teñen que pagar co diñeiro de todos", subliñou a tamén portavoz do Bloque no Parlamento, nunha rolda de prensa coa deputada Noa Presas.


Xa este mércores no Parlamento, Villares afeara a Feijóo que a Xunta asuma pagar "con diñeiro de todos os galegos" as indemnizacións. O portavoz de En Marea lembroulle ao líder do PP que a súa "chapuza eólica" foi un dos alicerces da súa campaña electoral en 2009, o ano no que Feijóo chegou á Xunta.


E é que, en concreto, a Consellería de Economía evitou seguir batallando no Tribunal Supremo e pediu unha modificación de orzamentos para desembolsar as indemnizacións a seis empresas.


UN ENGANO


Na comparecencia deste xoves, a formación frontista anunciou que pedirá a comparecencia de Núñez Feijóo na Cámara autonómica por estes feitos, xa que, a xuízo de Pontón, é necesario que este dea "explicacións" e "como mínimo que pida desculpas" por "enganar" os galegos.


Así, viu "intolerable nun sistema democrático que a mentira sexa a carta de presentación do presidente da Xunta", e considerou que as "mentiras" en torno á repartición de megawatts eólicos do Executivo de PSdeG e BNG deixáronas "en evidencia" o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e o Tribunal Supremo (TS).


A líder do Bloque mostrouse, ademais, "convencida de que, coa nova doutrina que está a poñer en marcha o Tribunal de Contas nos últimos meses, o próximo político que será citado para responder co seu patrimonio persoal por decisións absolutamente arbitrarias, sectarias e que rozan a ilegalidade, será Alberto Núñez Feijóo".


O "parón" que atravesa o sector é, na súa opinión, consecuencia dunha "nefasta xestión" e leva unha repercusión económica en termos de emprego e de investimentos, posto que os populares "anunciaron" o seu propio concurso "como o maior plan industrial" e "non serviu para saír da crise", senón, para Pontón, "todo o contrario".


"FRACASO CERTIFICADO"


Pola súa banda, Noa Presas viu na modificación orzamentaria para afrontar os pagos por 3 millóns de euros a asunción dun "modelo que fracasou".


É, dixo, "un exemplo máis do fracaso certificado de nove anos de case non política" en materia de enerxía eólica. Neste sentido, criticou a "falta de previsión" e o "intento de ocultación" do Goberno, enmarcados nun "período de estancamento" polo que Feijóo "debe dar explicacións".


Por último, censurou que, neste contexto, a Xunta evite adoptar "ningunha corrección das súas políticas" e a través de medidas como a lei de implantación empresarial mostre "nulo interese" na política de enerxía eólica, pois, segundo explicou, con esta norma modifica a lei eólica e "abre as portas" a proxectos doutras enerxías renovables como a hidráulica.


Tamén reprobou que non se bonifiquen máis as repotenciacións, de modo que se favorezan estas e non a creación de novos parques, polo impacto ambiental que iso supón.

relacionada Feijóo defende a anulación do concurso eólico: "Por 160 millóns ben merece a pena un preito"
relacionada A Xunta, condenada a indemnizar a outra empresa por tombar o concurso eólico en 2009

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE