Terceiro desprendemento de pólas de árbores nun mes en Ourense

Desde o concello din que estudan que medidas tomar e a oposición critica que a falta de seguridade laboral dos operarios.


|

PinoourenseAs pólas caídas. Foto: Ourense en Común

Varias pólas dun piñeiro de grandes dimensións viñeron abaixo este mércores sen provocar danos persoais no parque Angelita Paradela do barrio de Barrocás, en Ourense.


Por mor destes feitos, a oposición pediu explicacións, porque se trata do terceiro suceso desta natureza no último mes, mentres que o alcalde sinalou que se está realizando un informe para coñecer o estado das árbores e tomar medidas no caso de que sexa necesario.


A Policía Local, ao redor das 8,05 horas, recibiu o aviso de que varias pólas dun piñeiro situado no parque Angelina Paradela se separaran do tronco. As pólas, de varios metros de lonxitude, atopábanse esparexidas nunha zona do céspede e non causaron danos ao mobiliario urbano nin a vehículos.


Para Democracia Ourensana, "esquivouse unha desgraza de milagre", porque o desprendemento produciuse "15 minutos antes da apertura dun colexio de primaria" situado a escasos cen metros da árbore, segundo explicou nun comunicado.


Pola súa banda, Ourense en Común incidiu na "necesidade urxente" de que o Consistorio poña en marcha "un programa de revisión, prevención e mellora do arboledo" e cualificou como "unha barbaridade" que ao longo das últimas semanas tamén se produciron desprendementos de pólas nas prazas de San Marcial e Bispo Cesáreo.


ANTECEDENTES NO ÚLTIMO MES


A caída das pólas dun bananeiro situado na praza de San Marcial, o 21 de agosto, provocou a talla da árbore, enferma debido á súa idade e a tallas abusivas, así como doutras catro árbores tamén en mal estado.


Tres días máis tarde ocorreu o mesmo cunha moreira situada na Praza do Bispo Cesáreo (tamén na zona vella da cidade), onde os técnicos municipais recomendaron a talla doutros seis exemplares secos para evitar riscos para os transeúntes.


PROCURA DE SOLUCIÓNS


O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, indicou que a nova concesionaria do servizo de Parques e Xardíns está a realizar un estudo sobre o estado da masa arbórea da cidade para proceder ao seu tratamento ou a retirada no caso de que sexa necesario.


"A empresa ten a obrigación de facer a análise de todo conxunto e proporcionarnos a 'foto fixa' sobre o estado das árbores, aínda que os parques non sexan da súa responsabilidade", abundou.


O rexedor incidiu en que o mal estado de parte da masa arbórea da cidade se debe a "pragas, malas tallas" e a "un abandono reiterado durante anos", ao que, dixo, tense que poñer fin.


FALTA DE SEGURIDADE 


Por outra banda, Ourense en Común acusou ao grupo de goberno de "incumprir a lexislación en materia laboral" despois de detectar que os operarios encargados de retirar as pólas estaban a facelo sen usar os equipos de protección individuais "que esixe a lei".


O portavoz do grupo municipal, Martiño Xosé Vázquez, confirmou que pedirán "responsabilidades e a apertura dun expediente" para aclarar esta situación. Tamén alertou de que non se precintou a zona "para evitar situacións de risco para os transeúntes e operarios mentres non se coñeza o estado da árbore".


relacionada Unha árbore de grandes dimensións esborrállase na zona vella de Ourense

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE