Feijóo espétalle a Villares: "Espero que non volva ditar unha sentenza"

O portavoz de En Marea tamén recibiu a crítica de Paula Prado: "Dificilmente un compañeiro quererá formar sala con vostede".


|

Fejvillparl


A presenza de Villares na manifestación independentista da Diada pásalle factura no Parlamento galego.


Este mércores, o líder de En Marea tivo que oír frases duras contra o seu hipotético regreso ao labor de maxistrado no TSXG, agora en excedencia.


Villares afeoulle a Feijóo que a Xunta asuma, "sen recorrer" as decisións xudiciais, pagar "con diñeiro de todos os galegos" 3 millóns en indemnizacións pola anulación do concurso eólico do bipartito.


Na súa quenda, Feijóo contraatacou e preguntou a Villares se "como vostede non acata as sentenzas dos tribunais, que lle parece se os galegos non acatamos nunca as sentenzas que vostede poida chegar a ditar?".


Finalmente, concluíu que Villares "debe unha explicación á democracia galega". "Espero que non volva ditar unha sentenza en Galicia", concluíu.


RÉPLICA DE VILLARES


O portavoz de En Marea pediu a palabra para contestarlle ao presidente, pero non lle foi concedida. Con todo, nun debate posterior si aproveitou a súa intervención para replicar a Feijóo, tras queixarse de que o presidente da Xunta lance acusacións contra el cando quedou sen quenda para poder pronunciarse.


Así, Villares cargou contra as "insidias" de Feijóo, que "afectan a todo un TSXG", que identificou coa "ignorancia ou prepotencia de quen ten máis aires de acompañante de narcotraficante que de presidente da Xunta".


Ademais, o portavoz de En Marea preguntouse se "é democrático gañar as eleccións financiándose ilegalmente", en alusión ao PP.


Tras isto, a deputada popular Paula Prado recriminou a Villares que fale de "democracia" cando "non respecta" nin o Tribunal Constitucional nin a Constitución. "Cando volva á maxistratura dificilmente vai ver un compañeiro que queira formar sala con vostede", espetoulle, ao que agregou: "Vano recusar constantemente".


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE