Loito pola escritora e académica Xohana Torres

A RAG lémbraa como "unha das voces máis destacadas das letras galegas contemporáneas que creceron na posguerra".


|

Xohanatorres


A escritora e membro da Real Academia Galega (RAG) Xohana Torres faleceu o martes aos 85 de idade en Vigo. A capela ardente permanecerá aberta no Tanatorio Vigo Memorial, onde será incinerada ás 21,30 horas.


Diso informou este mércores a RAG, que lamentou a morte desta autora, á que lembra como "unha das voces máis destacadas das letras galegas contemporáneas que creceron na posguerra". A súa obra abarca a poesía, a narrativa, o ensaio e a literatura infantil.


Xohana Torres naceu en Santiago o 22 de novembro de 1931 e criouse en Ferrol, onde estaba destinado como mariño seu pai. A RAG lembrou que a escritora tamén ten raíces en terras do Avia, onde a súa avoa, Lola, lle ensinou "a fala galega máis íntima e a cultura popular". Precisamente, a ela está dedicado o último libro de Xoaha, 'Elexías a Lola (2016)'.


Publicou os seus primeiros versos sendo adolescente na revista do instituto. Algún deles, como 'Soidá', formarían parte do seu primeiro libro, do mesmo xeito que 'Nai', que deu a coñecer en 1953 na revista 'Aturuxo' animada por Ricardo Carballo Calero, o seu profesor de Historia e Literatura no bacharelato.


En 1955 recibiu primeiro o premio de poesía da Asociación da Prensa de Vigo, compartido con Celso Emilio Ferreiro, por outro poema, 'A nosa primaveira: toxos', e en 1957 publicou o seu primeiro libro, 'Do sulco (1957)', na colección de poesía Illa Nova de Galaxia, acabada de crear para acubillar as novas voces das letras galegas.


Como poeta, publicou tamén 'Estación ao mar (1980)', Premio da Crítica española en 1981, 'Tempo de ría (1992)' e 'Poesías reunidas (1957-2001)', así como 'Elexía a Lola (2016)'. Como dramaturga, a RAG destacou as súas contribucións ao teatro da posguerra con 'A outra banda do Iberr (1965)', gañadora do Premio Castelao do Teatro Galego da Agrupación Cultural O Galo, e 'Un hotel de primeira sobre o río (1968)'.


Asinou tamén a novela 'Adiós, María (1971)', Premio Galicia do Centro Galego de Buenos Aires; e, xa no campo da literatura infantil, 'Polo mar van as sardiñas (1968)' e 'Pericles e a balea (1984)'.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE