PP e PSdeG rexeitan debater o concerto económico que propón o BNG

Sosteñen que a comunidade "sairía perdendo", mentres Pontón defende "quitarlle a chave do diñeiro de Galicia a Montoro".


|

PontonparlamentoO concerto económico, "un negocio ruinoso".


Os grupos parlamentarios de PP e PSdeG sumaron este martes os seus votos para rexeitar a toma en consideración dunha proposición de lei do BNG para dotar a Galicia dun concerto económico similar aos existentes en Euskadi e Navarra, desde o convencemento de que a comunidade perdería capacidade económica. En Marea, pola súa banda, apoiou que se poida debater, pero expresou as súas diferenzas coa proposta nacionalista.


En defensa da súa iniciativa, a portavoz do BNG, Ana Pontón, subliñou que o sistema de financiamento actual é "un mal negocio" para esta autonomía, pois os cidadáns pagan "máis impostos" dos investimentos e fondos que reciben do Estado, de modo que apostou por "quitarlle a chave do diñeiro de Galicia ao señor Montoro e devolverlla aos galegos". En concreto, referiu que a liquidación de 2014 revela que a carga fiscal dos galegos superou os 11.000 millóns de euros, por pouco máis de 7.000 que chegaron en forma de achegas estatais.


Así pois, defendeu que a Xunta cobre os impostos para "promover o desenvolvemento económico, social e cultural" de Galicia "sen condicionantes nin restricións" e despois abone ao Estado o custo das funcións que desempeña.


Con todo, os seus homólogos en filas socialistas e populares, Xoaquín Fernández Leiceaga e Pedro Puy, respectivamente, coincidiron á hora de desmentir as cifras empregadas pola dirixente nacionalista e ao advertir, por tanto, de que a súa proposta introduciría dificultades para que Galicia puidese financiar os seus servizos. "É insensato desde o punto de vista económico e financeiro", sostivo o portavoz do PSdeG, mentres o do PPdeG falou de que sería "un negocio ruinoso" para esta comunidade.


Pola súa banda, o portavoz de En Marea, Luís Villares, mostrouse a favor de debater a iniciativa do Bloque, partidario de "cambiar o statu quo" e da "soberanía fiscal", aínda que mostrou certas "diferenzas" co fondo da proposta. De feito, avogou por "negociar un modelo en pé de igualdade" baseándose no "principio de cooperación desde a multilateralidade", a fin de que o sistema sexa "xusto e equitativo" e permita "atender as necesidades sociais".


AS POSIBILIDADES DE GALICIA


Fronte ás observacións de Puy e Leiceaga sobre que o cupo sería prexudicial para Galicia, Ana Pontón mostrouse "convencida" de que "o problema non é que non se paguen suficientes impostos para manter os servizos", senón que a repartición é "desigual" e que a fiscalidade é "regresiva". "Hai que darlle a volta a esa situación", salientou.


"Nós cremos nas posibilidades de Galicia. Só desde unha mentalidade colonial se pode dicir que Galicia sairía perdendo co concerto", lamentou.


"Sinto que os datos contradigan as súas opinións", rebateu o representante socialista no debate, crítico cunha proposta que "rompe o principio de equidade" entre territorios que consagra a Constitución. Respecto diso, concedeu que "crebar" ese principio "pode ser unha opción para os máis fortes", pero advertiu de que "para os máis débiles, é un suicidio".


Pola súa banda, Puy Fraga incidiu en que a balanza fiscal co Estado é "favorable" para Galicia, de modo que desvincularse dese sistema sería "negativo" porque habería menos recursos.


Ademais, advertiu que ese cambio "ten custos e riscos" e lamentou que unha iniciativa que se sitúa "fóra" da Carta Magna se traia á Cámara en "pleno desafío soberanista" de Cataluña. "Defenden un sistema profundamente prexudicial para Galicia no peor momento posible e baseándose en números pintados", reprobou ao Bloque.


DISTINTAS VISIÓNS


Despois de que Puy censurase o "isolacionismo financeiro e económico" que propugnan os nacionalistas, Leiceaga cuestionase a decisión "unilateral" que pretenden tomar e Villares apostase pola "cooperación desde a multilateralidade", Pontón utilizou a súa quenda de peche do debate para expor unha visión diferente.


"Os nosos servizos non os paga ninguén desde Madrid, pagámolos os galegos cos impostos que relixiosamente cobra o Estado español", resolveu, para afear a PP e PSOE que sigan a favor dunha "estrutura anquilosada de estado centralista".


E, tras afirmar que "non existen problemas de legalidade" na súa proposta de cupo, que non tivo "ningún reparo" dos letrados do Parlamento, negou esa "igualdade e solidariedade" interterritorial da que falaron os portavoces popular e socialista. "Temos as mesmas conexións ferroviarias que Madrid, os mesmos salarios, as mesmas pensións?", expuxo.


"A nosa proposta, ambiciosa e beneficiosa para o país, permitiría romper o centralismo, que é un negocio pésimo para Galicia", concluíu a líder do BNG, para lamentar que a súa proposición normativa non obtivese suficiente apoio como para ser debatida en profundidade na Cámara.


relacionada O concerto económico que propón o BNG daría a Galicia 1.000 millóns menos
relacionada O BNG asegura que Galicia tería "3.500 millóns máis" cun concerto económico

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE