Só dous días de agosto a Praia das Catedrais evitou o cheo absoluto
En todo o verán pasaron polo areal 245.000 persoas e a Xunta sacará unha aplicación móbil para "axilizar" as solicitudes.
A afluencia de visitantes bate récords.
A Praia das Catedrais, situada no municipio lugués de Viveiro, recibiu este verán 245.000 visitantes, un 23 por cento máis que o pasado ano.
O dato foi dado a coñecer este venres pola directora xeral de Patrimonio Natural, Ana Díaz, quen revelou que a Xunta traballa nunha aplicación para móbiles que "axilizará" o proceso de solicitudes para visitar o enclave, considerado desde 2005 como Monumento Natural.
Así, segundo recolle un comunicado da Xunta, entre xullo e agosto deste ano 245.000 persoas visitaron As Catedrais, case 50.000 máis que no mesmo período do pasado ano.
Deste xeito, o número de visitantes multiplicouse desde 2015, cando coñeceron a praia 165.000 persoas. Así, nun total de 38 ocasións completouse a cota de visitantes permitidos para cada día: nove no mes de xullo e 29 en agosto, polo que no oitavo mes do ano só houbo un día no que As Catedrais non rexistrou un cheo.
En canto á procedencia, o número de visitantes estranxeiros volveu incrementarse, aínda que maioritariamente os turistas que se achegan ao areal da Mariña proceden do ámbito nacional.
APLICACIÓN MÓBIL
Por outra banda, a Xunta anunciou que traballa no desenvolvemento dunha aplicación para dispositivos móbiles co obxectivo de simplificar o proceso de solicitude para visitar As Catedrais.
A ferramenta telemática estará lista na próxima Semana Santa e permitirá cubrir o cuestionario de solicitude e obter o código 'QR' necesario para acceder ao Monumento Natural.
Escribe o teu comentario