Cando as árbores non deixan ver o bosque


Warning: Smarty error: unable to read resource: "articlecontent_sharev3.tpl" in /var/www/bigpress_alpha/libs/other/smarty/Smarty.class.php on line 1102
Manoel Barbeitos
Economista

Acuerdomano


Non cabe ningunha dúbida de que os dirixentes tanto do Partido Popular (PP) como da antiga Converxencia e Unió (agora PDeCAT) son políticos listos, que non é o mesmo que intelixentes e/ou honestos. Tanto antes, co criminal atentado terrorista que tivo en lugar en Barcelona, como agora, coa liorta polo referendo en Catalunya, estes políticos profesionais están a dar mostras dunha indiscutible habilidade política -que non intelixencia- para conseguir desviar a atención política e mediática sobre os problemas reais dos cidadáns -problemas provocados polas súas políticas- para centralos en temas que, sen menosprezar a súa relevancia, non están entre as maiores preocupacións dos cidadáns e moi especialmente das clases traballadoras.


Así, e contando co apoio dos seus altofalantes -que son maioría- a corrupción, o desemprego, a desigualdade, a pobreza, etc. que, como mostran todas as enquisas, son as principais preocupacións da maioría da poboación tanto en Catalunya, como en Galicia como no conxunto de España pasan a un segundo, ou terceiro plano do debate político e da información mediática para ser substituídos polas batallas partidarias -pois diso se trata- ao redor de referendos, dereitos a decidir, independencias que, repito, ocupan entre as preocupacións das clases populares un lugar secundario. E aí están as enquisas para confirmalo.


Resulta curioso observar como dous partidos, cunha idéntica raíz conservadora, que teñen grandes coincidencias tanto na práctica política como na ideoloxía neoliberal son capaces de, utilizando todo o seu poder político e institucional e co apoio da maioría dos medios de comunicación e opinión, situar no primeiro plano de batalla política a súa diferente visión do estado español: centralista (PP) fronte a soberanista (PDeCAT) facendo que toda a acción política se condicione a esta liorta coma se, por caso, fose o asunto máis urxente e grave de Catalunya e de España.


Ambos os partidos (PP e PDeCAT) que lideran esta batalla están entre os partidos máis corruptos de Europa. Ambos os partidos coinciden á hora de practicar a corrupción a gran escala que non só está a sentar no banco dos acusados a moitos dos seus máis representativos e conspicuos dirixentes -Rajoy, Pujol, Rato, Saavedra...- senón que embarra a política e debilita a democracia -unha democracia xa de seu débil e deficitaria- á vez que impide unha auténtica e firme recuperación económica. Unha corrupción sistémica que, como sinalaba, deixa en evidencia o déficit democrático español, debido a que se tivésemos unha auténtica e consolidada democracia non cabe ningunha dúbida de que ambos os partidos serían disoltos polas autoridades xudiciais e repudiados polas cidadanías de todo o estado español, á vez que os seus dirixentes estarían no cárcere. Algo que non sucede.


Ambos os dous partidos (PP, PDeCAT) coinciden tamén á hora de poñer en práctica políticas neoliberais no económico, conservadoras no social e antidemocráticas no político. Así aplicaron e aplican con inusitada dureza políticas de axuste fiscal -con fortísimos recortes no gasto público e moi especialmente no gasto público social-, de rebaixa salarial -para o que provocaron un enorme debilitamento do movemento sindical e, por tanto, da resistencia dos traballadores- e de precariedade laboral -puxeron en marcha reformas laborais de carácter fortemente conservador-. Políticas que levaron a que en Catalunya e en España, como sucede en Galicia, se disparasen as desigualdades sociais e territoriais -como nunca sucedera- conseguíndose niveis de exclusión e pobreza sen precedentes á vez que se producía unha enorme deterioración dos servizos públicos e de benestar -atención sanitaria, ensino, pensións públicas, atencións aos maiores e a infancia, etc-.


As coincidencias tamén están no campo político. Ambos os dous partidos coinciden tanto nas súas prácticas autoritarias -como por caso na defensa da Lei Mordaza e outras- como no seu férreo control político e ideolóxico dos medios de comunicación públicos -radios e televisións públicas-. Prácticas coas que tentan, entre outras, tapar tanto a corrupción sistémica que os consome como as consecuencias das súas políticas.


Corrupción política, neoliberalismo económico, control informativo... que provocan un crecente rexeitamento cidadán e, por tanto, de perda de apoio. Realmente as razóns de que sigan gobernando hai que buscalas entre a incapacidade das respectivas esquerdas para poñerse de acordo tanto á hora de presentar un proxecto alternativo sólido e convincente como de tomar a iniciativa política para situar no primeiro lugar do debate político os problemas que realmente preocupan á maioría das poboacións do estado español.


Diante deste descontento popular estes dous partidos (PP e PDeCAT), apoiados pola maioría dos medios de comunicación e opinión que controlan e financian, foron quen de conseguir situar no primeiro plano do debate político a súa distinta visión nacional do estado español. E así o referendo, o dereito a decidir... substituíron a corrupción, o desemprego, a desigualdade, a deterioración ecolóxica... como elementos de debate e confrontación política. Ambos os dous partidos coinciden á hora de valorar que a súa supervivencia política depende de que isto suceda, de que nos distintos taboleiros e escenarios políticos español, catalán, galego... non se fale nin se debata sobre os problemas reais dos cidadáns e moi especialmente da maioría deles -as clases populares- senón de problemas identitarios.


Así, dacabalo dun rancio nacionalismo español (PP) e un clasista nacionalismo periférico (PDeCAT), ambos os dous partidos conseguiron retomar a iniciativa, desviar a atención cidadá sobre os seus auténticos problemas pero tamén levar a dinámica política a unha confrontación moi perigosa -unha auténtica irresponsabilidade- cuxo final resulta imprevisible aínda que non tranquilizante.


Con todo, hai que pensar que a cidadanía galega, catalá e española, en xeral ten un gran sentido común e acabará por poñer a cada un no seu sitio. O que supoñería por unha banda centrar o debate político nos problemas que realmente preocupan á maioría da poboación -corrupción, desemprego, desigualdade e exclusión social, deterioración ecolóxica...- e pola outra mandar ao vertedoiro da historia os partidos corruptos e irresponsables -como por caso o PP e PDeCAT- que parece que nos queren levar ao precipicio.


Un apuntamento final: o que isto escribe é firme partidario do dereito a decidir e dos referendos a condición de que se celebren en condicións de auténtica democracia e liberdade, cousa que, por caso, non sucede actualmente en Catalunya nin moito menos. Unha responsabilidade que maiormente debemos achacar ao PP (Partido Popular) polo seu españolismo inmobilista e reaccionario pero da que tamén participa JxSi (Junts Pel Si) polo seu oportunismo e irresponsabilidade.



Warning: Smarty error: unable to read resource: "articlecontent_share_inferiorv3.tpl" in /var/www/bigpress_alpha/libs/other/smarty/Smarty.class.php on line 1102

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress