Críticos de En Marea queren sacar unha "nova organización" da fractura interna

|

EnmareavotacionplenarioVotación do plenario de En Marea.

Críticos coa actual coordinadora de En Marea comezaron a reorganizarse tras o plenario do pasado 15 de xullo que evidenciou a fractura do partido instrumental co afianzamento de Luís Villares como líder. Tras esa cita, buscan "abrir un proceso" que lles permita "avanzar na construción do espazo plural" que, para eles, En Marea "non pode ser".


E é que nesta asemblea, os documentos oficialistas defendidos polo equipo capitaneado polo ex maxistrado lucense resultaron vencedores aínda que por unha axustada marxe. Este feito profundou na división existente no seo do partido instrumental entre a actual coordinadora e sectores de Anova ou Esquerda Unida, así como algunhas mareas municipais como a Marea Atlántica.


Deste xeito, despois deste plenario no que as ausencias dos alcaldes de Santiago e A Coruña, Martiño Noriega e Xulio Ferreiro, deixaron constar o seu distanciamento coa actual dirección, fontes críticas consultadas por Europa Press destacaron a súa intención de continuar "traballando" para "agrupar forzas" e configurar un proxecto "realmente común".


Para lograr este obxectivo, iniciaron a celebración de reunións a través das que aspiran a contar co apoio do "sector oficial de Anova", da "maioría das mareas municipais" así como "dos sectores de Podemos e de Esquerda Unida que acreditan na unidade popular". Ademais, non descartan que este novo proceso de "aglutinación" derive na creación dunha "nova organización".


"Despois do plenario do 15 de xullo queda claro que En Marea xa non pode ser o espazo común", apuntaron estas fontes, que inciden en que, actualmente, o partido instrumental "non representa o espazo común" senón que, "en todo caso, é un polo máis" da unidade popular.


'PROCESO 1 MAIO'


Por outra banda, mes e medio despois da asemblea de xullo, ademais, mozos integrados en En Marea tamén avanzan na constitución como organización política do 'Proceso 1 de Maio', para o que prevén celebrar unha asemblea constituínte o día 16 de setembro en Santiago de Compostela na que aprobarán "uns textos, uns órganos e unha estrutura".


Respecto diso, en declaracións a Europa Press, un dos participantes, Iván Rodríguez, explicou que a idea deste movemento é "constituír unha organización política de ámbito xuvenil" que "vaia moito máis alá de disputas concretas".


Por iso, sinalou que o proceso rexeita "situarse" a favor ou en contra dos diferentes sectores enfrontados en En Marea. "Queremos aglutinar mozos de todas as sensibilidades", sinalou este participante do 'Proceso 1 de Maio' que busca "seguir organizando a ruptura e construíndo a República desde abaixo".


relacionada Yolanda Díaz: "Estamos divididos pola metade e é difícil construír así"
relacionada Antón Sánchez e Villares: "A unidade popular constrúese todos os días"
relacionada A fractura interna de En Marea, tan viva coma antes do último conclave
relacionada O modelo oficialista imponse ás teses dos críticos de En Marea

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress