WOS Festival, "o evento das propostas máis arriscadas"

Máis de 50 propostas compoñen o programa que arrinca este mércores en Santiago enchendo 12 espazos da capital.


|

WosfestivalPresentación do cuarto WOS Festival. Foto: Concello de Santiago

O WOS Festival encara a súa cuarta edición, a "máis arriscada" segundo os seus organizadores, cunha programación composta por máis de 50 propostas que durante cinco días encherán de cinema, música, 'clubbing', performances e conferencias doce espazos de Santiago de Compostela.


Trátase dunha das citas máis innovadoras do panorama de festivais non só a nivel galego, senón estatal, deseñada para un "público aventureiro" e na que a cidade compostelá é "a verdadeira protagonista", como indicou o director da produtora Work On Sunday, Iván Arias.


Este luns tivo lugar na Fundación Granell --uno dos espazos que albergarán actividades do WOS-- a presentación do festival. Alí, Arias estivo acompañado polo alcalde santiagués, Martiño Noriega, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, o director de Agadic, Jacobo Sutil; a xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e o 'product manager' de Son Estrela Galicia, Victor Martiñán.


O CGAC, a Cidade da Cultura, a Fundación SGAE, a Fundación Eugenio Granell, a Igrexa da Universidade, a sala A Montiel, o mercado de Abastos, a Sala Numax, o Teatro Principal e as salas Capitol, Malatesta e Riquela serán os espazos que acollan as máis de 50 actividades que conforman o programa do WOS Festival 2017, que arrinca este mércores e pechará as súas portas o vindeiro domingo.


Un festival que se articula ao redor de cinco liñas: música, cinema, 'clubbing', performances e conferencias; todas elas baseadas na filosofía da "innovación" e tratando de traer propostas pouco vistas en Galicia e España.


MÚSICA


Deste xeito, serán varios os artistas que actúen por primeira vez en terras españolas. E farano en Santiago, unha cidade que, segundo Iván Arias, é un "foco de atracción" para os artistas. "Cando contactamos cos artistas dámonos conta de que hai interese por vir aquí", apostilou.


Ademais de traer á capital galega a artistas de lugares como Australia, Finlandia, Estados Unidos ou Alemaña, a organización reserva espazo para as bandas galegas "que queren ir máis aló" e que, pola súa música, teñen dificultades para ter cabida noutro tipo de eventos máis convencionais.


Bflecha, Boyanka Kostova, Ghost and Tape, Greg Fox, Hhy & The Macumbas, Julia Kent, Sontag Shogun, K-X-P ou o alemán Robert Henke, unha das referencias mundiais da música electrónica, son algúns dos 33 artistas musicais que estarán en Compostela ao longo dos cinco días do WOS.


CINEMA, CONFERENCIAS E PERFORMANCES


O WOS tamén pretende ser un punto de encontro entre artistas e os diferentes axentes culturais, polo que a súa programación inclúe conferencias na Cidade da Cultura e o Centro Galego de Arte Contemporánea, que serán abertas ao público en xeral.


Por outra banda, froito da colaboración coa Sala Numax, o cinema será outro dos protagonistas do festival. A sala compostelá albergará a proxección de 'Rage. A movie about Acid Music' de Dominque Lohlé e Guy-Marc Hinant; 'Tony Conrad: Completely in the present' de Tyler Hubby --ambas estreas en España-- e 'Mientras el cuerpo aguante', un documental de Fernando Trueba sobre o cantautor anarquista Chicho Sánchez Ferlosio.


Todo iso complétase con varias 'performances' que terán lugar na recentemente creada Sala Montiel, un espazo dedicado ás artes escéncicas contemporáneas que abriu esta mesma semana as súas portas.


relacionada O festival 'Feito a Man', "un pracer de verán" que arrinca este xoves en Santiago

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE