As Rías Baixas rexistraron os seus mellores datos históricos en agosto

Segundo a Deputación de Pontevedra, é "a cuarta zona turística con maior auxe de España". Un terzo son visitantes internacionais.


|

EscuelasurflanzadaEscola de surf, na Lanzada.


A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou que o turismo deixa uns "resultados históricos" no mes de agosto nas Rías Baixas.


A titular da institución provincial tomou como referencia os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) que se recollen desde o ano 1999 para destacar que "este é o mellor mes de agosto nas Rías Baixas".


Carmela Silva compareceu en rolda de prensa acompañada do deputado delegado de turismo, Santos Héctor, para lembrar que o segundo mellor resultado se obtivo en agosto do pasado ano 2016 e o terceiro foi en agosto do ano 1999 cando se rexistrou unha ocupación hostaleira do 74,9%.


OCUPACIÓN


Ademais, segundo os datos de ocupación hostaleira recollidos por Turismo Rías Baixas, agosto pechou cun 91,11% de ocupación, cifra que supera as previsións que manexaba a institución provincial ao principio do verán. No mesmo do pasado exercicio alcanzouse o 89,2%.


"Estes resultados xa nos sitúan como a cuarta zona turística con maior auxe de España, detrás do Pirineo Vasco, do Val de Arán e de Fuerteventura", con pernoitas que no primeiro semestre de 2017 crecen un 3,7% sumando máis dun millón de pernoitas e subindo un 7% o número de visitantes, indicou Carmela Silva.


Na súa intervención, tamén asegurou que "Pontevedra é a provincia galega máis atractiva" ao recibir o 40% dos visitantes que elixen Galicia como destino.


Ata o momento e para este mes de setembro a Deputación de Pontevedra está a obter "sorprendentes" perspectivas xa que en portais especializados como booking.com as Rías Baixas teñen o 83% das prazas reservadas con picos do 100% en Pontevedra, 95% en Baiona, 85% en Vigo e 76% no Salnés.


TURISMO RURAL


A presidenta provincial tamén celebrou os "excelentes resultados" colleitado en agosto nos establecementos de turismo rural, cunha ocupación dun 85,65% o que consolida a Pontevedra como unha provincia líder.


E é que os datos do portal especializado escapadarural.com, sitúan a Pontevedra no terceiro posto dentro do "top ten nacional", sendo soamente superada por Málaga e Barcelona.


PERFIL DOS VISITANTES


En agosto un 36% dos turistas que recibiu as Rías Baixas procedía doutros países (a media de Galicia está no 26%). A maioría destes visitantes internacionais era de Portugal, Francia, Reino Unido e Italia "o que coincide cos países que teñen rutas que enlazan co aeroporto de Peinador", sinalou Carmela Silva.


Ademais, o 58% dos visitantes ten entre 35 e 60 anos de idade, o 42% dorme en hotel, permanecen neste destino entre 7 e 15 días e visita as Rías Baixas por aspectos relacionados coa natureza (o 33%).


relacionada Carmela Silva alerta contra a masificación dos destinos turísticos
relacionada Uns 4.000 maiores de Pontevedra solicitan praza no programa 'Deportermal'
relacionada O aluguer vacacional nas zonas turísticas de Galicia roldou o 100% de ocupación

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE