Villoslada e Gonzalo Caballero protagonizan o primeiro enfrontamento da precampaña

|

Gonzalocaballerovilloslada


O deputado coruñés Juan Díaz Villoslada, o militante socialista vigués Gonzalo Caballero e o portavoz parlamentario do PSdeG na Cámara, Xoaquín Fernández Leiceaga, rexistraron na sede compostelá do Pino a documentación para acreditarse como precandidatos e optar formalmente a liderar a formación en Galicia.


Aínda que o prazo para as precandidaturas finaliza este martes, os tres deron este paso na primeira xornada habilitada segundo o calendario das primarias que se celebrarán o 8 de outubro. Villoslada e Caballero acudiron en persoa, mentres que a documentación de Leiceaga --que acudiu a un acto como portavoz parlamentario no Barco de Valdeorras-- presentouna un dos membros do seu equipo.


E con este paso máis na carreira por liderar o PSdeG chegou o primeiro enfrontamento entre dous aspirantes. Este luns, Villoslada apelou ao "xogo limpo" como resposta a unha entrevista concedida por Gonzalo Caballero na que lle afeou que fora subdirector xeral nun goberno do popular Manuel Fraga.


"XOGO LIMPO"


"Non me convence que o PSdeG poida estar liderado por subdirectores do goberno de Fraga mentres os socialistas loitabamos contra as súas maiorías absolutas", dixo o socialista vigués.


A preguntas dos medios sobre as declaracións, Villoslada afirmou que lle chama "a atención" ou ben a súa "falta de coñecemento sobre a función pública e a súa estruturación" ou "un comentario que poida ser malintencionado".


"Apelo ao xogo limpo; o partido necesita unha nova etapa e non abrir unha nova etapa con formas vellas de actuar", proclamou e pediu ser "construtivos", non "destrutivos". "Levamos certo tempo nesa dinámica e este tipo de formas de usar unha biografía ou un currículo profesional, non creo que sexa o que os militantes queren neste momento", aseverou.


Pola súa banda, no Barco, Leiceaga apelou a que haxa un debate "claro e transparente" e pediu "deixar atrás as divisións e non preguntarlle a ninguén que fixo nos procesos anteriores, senón que está disposto a facer no futuro". Tamén chamou a deixar atrás os debates internos para dirixirse "directamente á sociedade".


CABALLERO REAFÍRMASE


"Moi tranquilo" polas súas palabras, Caballero trasladou aos medios que leva "20 anos participando no debate de ideas" do PSdeG e engadiu que seguirá na mesma liña.


Dito isto, incidiu en que, nestas primarias, os militantes terá que elixir "que perfil" de aspirante é o "máis adecuado" e ao que apoian.


"Eu non vou caer en ningunha confusión do proceso, pero hai que definir tamén que tipo de proxecto, de referente e de actuación se pretende", concluíu, moi orgulloso de loitar "contra os políticos e tamén as políticas da dereita".


relacionada Comeza o prazo de presentación de candidaturas para as primarias do PSdeG
relacionada Os tres aspirantes a liderar o PSdeG coincidiron nun acto multitudinario

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress