Martiño Noriega critica que ao PP só lle interese "o turismo a granel"

Os datos de visitantes son "históricos" en Santiago, pero o alcalde resalta que o debate debe ser o da "calidade" e a desestacionalización.


|

Noriega


O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, criticou este venres que o portavoz do PP de Santiago, Agustín Hernández, estea "máis preocupado polo turismo a granel" que pola súa "calidade" e por buscar un "modelo de convivencia" entre a cidade de Compostela e o sector do turismo.


"Hai unha satisfacción polos datos de turismo, tanto polos do ano pasado como polos deste ano. Nunca houbo unhas cifras así na cidade, son cifras históricas que non se deron nin en anos santos", subliñou o rexedor compostelán na habitual rolda de prensa tras a Xunta de Goberno local.


Tras ser preguntado polas críticas do portavoz do PP no Consistorio compostelán, quen responsabilizou o Goberno local de que as pernoitas dos turistas na cidade sexan máis curtas, Noriega lamentou que o 'popular' mire "unicamente a cantidade e non a calidade". "Nós somos os que levamos un ano falando da gobernanza do turismo", subliñou o rexedor, quen puxo como exemplo diso, entre outras medidas, o feito de abrir o debate sobre a gobernanza deste sector a través da taxa turística.


"O señor Agustín Hernández obvia ese debate e non entra nas cuestións importantes sobre a gobernanza do turismo", asegurou Noriega, en alusión ás críticas de Hernández ao Goberno local pola cifra de pernoitas. De todos os xeitos, fixo fincapé en que o Goberno local está a traballar neste asunto.


Está a facelo, continuou, a través de programas culturais que fagan máis atractiva a estancia na cidade, así como outros lugares de Santiago ademais do propio centro histórico. Tamén se referiu a varias actividades que puxo en marcha o Concello para desestacionalizar o turismo.


AXUDA NO FOGAR


Noutra orde de cousas, o alcalde de Santiago tamén se pronunciou sobre as críticas do portavoz do PP en Santiago en relación ao servizo de axuda no fogar na cidade. E é que o 'popular' esixe ao Goberno local que sexa "dilixente" e "axilice" o proceso de contratación da nova empresa que prestará este servizo co obxectivo de emendar os problemas que están a dar.


"Agradézolle ao señor Agustín Hernández a confianza que ten no novo goberno para arranxar os desaguisados que deixou o anterior", ironizou Noriega, quen lembrou que o contrato de axuda no fogar que está vixente actualmente "é un contrato que deixou o Partido Popular despois de facer, durante o seu mandato, ata dúas prórrogas" e "despois de estar ata ano e medio sen contrato".


Neste sentido, explicou que o Goberno local atopou as limitación que tiña o dito contrato á hora de "poder facer uso das horas". "O que se fixo foi aumentar un 10 por cento o contrato para poder absorber as horas, pero non se podía aumentar máis co contrato actual", relatou o alcalde compostelán.


"Sabe que xa levamos meses coa licitación do novo contrato, que vai dar a posibilidade de absorber esas horas", asegurou, xusto antes de engadir que, desde o Goberno local, confían en que, ao longo do mes de setembro, a licitación "quede xa finalizada" e haxa un novo contrato.


Deste xeito, continuou, haberá "moitas máis horas" e solucionarase "o problema que deixou o PP".


relacionada Santiago terá no outono unha foto fixa dos apartamentos turísticos
relacionada Noriega defende un equilibrio que permita a "convivencia" co turismo

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE