O Grove convértese na Antártida por unha semana para un adestramento militar

|

Antartida 2Imaxe dunha campaña na Antártida.

Os efectivos do Exército de Terra, trece en total, que formarán parte da dotación da Base Antártica Española do Exército de Terra 'Gabriel de Castilla' na próxima Campaña Antártica, atoparanse na semana do 4 ao 8 de setembro realizando prácticas de navegación, con embarcacións fóra borda, no Porto Pedras Negras, na localidade pontevedresa do Grove.


As características da costa galega fan que os militares repitan a súa experiencia de anos anteriores, informaron desde a Campaña Antártica do Exército de Terra con sede en Zaragoza.


Sensación térmica de ata 25 graos baixo cero, ventos que poden alcanzar os 120 quilómetros por hora e o risco de convivir xunto a un volcán activo é o que terán que soportar os militares do Exército de Terra na 31 edición da Campaña á Antártida organizada polo Ministerio de Defensa.


Partirán cara ao continente xeado no verán austral e, mentres tanto, están a ser adestrados para facer fronte ás condicións climáticas máis extremas.


O seu destino será a BAE 'Gabriel de Castilla', situada na Illa Decepción, no arquipélago das illas Shetland do Sur, a escasos cen quilómetros ao norte do continente antártico e a máis de mil quilómetros da costa suramericana máis próxima.


GARANTIR A SEGURIDADE


No grupo hai especialistas en comunicacións por satélite, mantemento, navegación, alimentación, medio ambiente, mobilidade en neve ou medicina.


Por iso, prepararán a Fase de Navegación, no marco do Programa de Capacitación Antártica, nas praias do Grove, adestrándose no manexo de embarcacións neumáticas do mesmo estilo das que terán que utilizar nas frías augas polares.


A súa formación é esencial para garantir a seguridade dos científicos que ano tras ano estudan no continente xeado a flora e fauna deste descoñecido territorio.


O motivo desta preparación vén determinado polas características da contorna en que se moven os investigadores, aos que se apoia loxisticamente. Decepción é, en realidade, o cráter dun volcán emerxido, cuxa caldeira se atopa alagada, debido a que parte do cráter está por baixo do nivel do mar.


Durante as xornadas recibirán formación sobre navegación e movemento, normas de seguridade e regulamentos de marcas e sinais. Realizarán prácticas de montaxe e desmonte de embarcacións a motor, manexo das mesmas, entradas e saídas de praia, navegación, emprego de GPS, saltos á auga, natación e emprego de traxes de supervivencia.


relacionada Defensa en Pontevedra busca 2.000 militares de tropa e mariñeiría

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress