O BNG coloca sobre o PP a presión para reverter "a apropiación de Meirás"

|

MeirasbustofrancoBusto de Franco instalado en Meirás. Foto: @rubencela


O deputado do BNG Luís Bará instou ao Partido Popular a "romper coa súa posición de ambigüidade" e a poñer fin "á legalización do roubo e da corrupción a gran escala" que, na súa opinión, "está detrás da apropiación do Pazo de Meirás" por parte da familia Franco.


Nunha rolda de prensa ofrecida este xoves despois de que o mércores militantes do BNG fixesen unha "ocupación simbólica", o parlamentario nacionalista volveu reiterar que a situación deste pazo é "extremadamente grave" e que "supón un ataque á dignidade colectiva" e "unha falta de respecto ás vítimas do franquismo en Galicia".


"Entendemos que esta falta de democracia merece unha resposta contundente como a que estamos a dar desde o BNG", manifestou Luís Bará, que criticou a "actitude das institucións do Estado" e, especialmente, "a dos gobernos do PP" como a Xunta, á que acusou de manter unha "tolerancia e complicidade" coa situación de Meirás.


Por tanto, avogou por poñer fin a esta "anomalía democrática" a través da creación dun "cordón sanitario democrático antifascista". "Queremos esixirlle ao PP que rompa con esa posición de ambigüidade co franquismo, que diga claramente de que lado está", apuntou.


SANCIÓN Á FAMILIA FRANCO


O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asegurou que o expediente aberto á familia Franco por non abrir ao público o Pazo de Meirás está "a piques de pecharse" e que "seguramente" terá "carácter sancionador".


Así se expresou, a preguntas dos medios este xoves, o titular de Cultura da Xunta, que indicou que a resolución do expediente --aberto o pasado mes de marzo tras constatarse que o teléfono habilitado para xestionar as solicitudes de visitas non estaba operativo-- "pode ser en semanas", aínda que matizou que non é unha cuestión "fácil".


100.000 FIRMAS


Máis de 100.000 persoas asinaron a través de Internet a petición de que a Fundación Francisco Franco, que xestiona as visitas a Meirás, sexa ilegalizada. Entre os argumentos resaltan que se trata dunha entidade que ten entre os seus obxectivos a "proxección do ideario" do ditador "sobre o futuro da vida española", "enaltecer a figura de Franco", e "preservar o seu legado", en liña coas declaracións feitas sobre as visitas ao Pazo.


No texto da iniciativa, realizada a través do portal Change.org, denúnciase que a Fundación recibiu case 150.000 euros en subvencións entre 2000 e 2003.


Ademais, alúdese a que varios partidos consideran que debería ilegalizarse por "promover o odio" e "atentar contra a dignidade das vítimas", engadindo que os represaliados polo franquismo tamén compartirían esa demanda ao entender que en Alemaña ou Italia sería inimaxinable unha "Fundación Hitler" ou unha "Fundación Mussolini".


relacionada Membros do BNG 'conquistan' Meirás para reclamar "a súa devolución ao pobo"
relacionada O PP accede a debater que Meirás pase a ser de titularidade pública
relacionada A Fundación Francisco Franco presume de difundir desde Meirás a "grandeza" do ditador

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress