Participación e debate interno, receitas dos aspirantes para liderar o PSdeG

Os tres precandidatos para as primarias poñen en valor a apertura á militancia, pero con distintas fórmulas.


|

Villosladaleiceagagonzcaballero


Os tres precandidatos para as primarias do PSdeG poñen en valor a necesidade de que o partido se abra máis á militancia tras os procesos de renovación, pero propoñen distintas fórmulas.


Leiceaga comprometeuse a reunir "cada tres meses" o Comité Nacional da formación para garantir unha "maior participación da militancia". O aspirante a liderar o partido fixo público o seu primeiro compromiso para "reactivar ao PSdeG". Para iso, avanzou que propoñerá ao Congreso dos socialistas galegos esta medida para introducir un cambio nos estatutos da formación.


Con este obxectivo, tamén exporá que, no caso de que a dirección do partido (independentemente de quen sexa) non convoque o Comité Nacional en tempo e forma, que quede convocado de forma "automática".


"Deste xeito evitaremos situacións como a actual, dificilmente xustificable porque o comité nacional leva 17 meses sen reunirse vulnerando os estatutos e normas do partido", manifestou Leiceaga.


"REDE SOCIAL INTERNA"


Juan Díaz Villoslada, pola súa banda, propuxo este luns crear "unha rede social interna" para os militantes socialistas, a fin de favorecer a súa "participación".


Diso deu conta a través dun comunicado, no que ratificou o seu "compromiso de fomentar o debate e a participación real" das bases.


Esta aplicación informática, segundo a formulación do deputado coruñés, sería "un sistema interno con foros para debater propostas, achegar ideas e realizar votacións".


Ademais, serviría, segundo as súas palabras, para que as discusións entre compañeiros de filas "se fagan de forma interna e construtiva", en lugar de en outras redes sociais públicas.


"XORDE DA MILITANCIA"


Gonzalo Caballero defendeu que a súa candidatura "nin ten tutelas nin baronías detrás": "É unha candidatura autónoma que xorde da militancia de base", asegurou, tras ser preguntado polos trazos distintivos da súa candidatura.


Outro dos motivos polos que o vigués decidiu dar un paso á fronte, explicou, é porque ve fundamental "renovar o proxecto", unha tarefa que considera que o PSdeG ten pendente desde que en 2009 perdeu o goberno da Xunta. "Algúns advertimos de que se non iniciabamos un proceso de renovación e procura de novos referentes, non acertariamos", indicou nunha entrevista en Cadena Ser.


"A militancia non está disposta a deixarse manexar por operacións de deseño, feitas polos baróns desde a sombra, en definitiva, por operacións políticas que tentan manter solucións máis conservadoras", avisou.


relacionada Gonzalo Caballero acusa a xestora do PSdeG de exceder as súas competencias
relacionada Leiceaga vese o candidato máis capaz de integrar as sensibilidades do PSdeG
relacionada Villoslada avoga por un debate entre os precandidatos ás primarias

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE