Ourense e Viaqua solucionarán os problemas de saneamento de 420 vivendas
En setembro comezarán as obras de máis de 760 metros da infraestrutura. O concello destaca "o bo entendemento" coa concesionaria da auga.
Reunión no Concello. Foto: Concello de Ourense
Ourense renovará a rede de saneamento para 420 vivendas da Avenida de Zamora. Para o alcalde, trátase dunha mellora "importantísima para os veciños da zona, xa que no que vai de ano xa sufriron 6 avarías que deixaron sen servizo a 140 vivendas", en palabras de Jesús Vázquez.
O concello valora nun comunicado "o bo entendemento" coa empresa concesionaria de auga, Viaqua, e a Consellería de Infraestruturas, co que se mellorarán un total de 162,5 metros de rede (ademais de 16 metros de cruces) cun investimento que roldará os 60.000 euros de orzamento, ive incluído.
Nunha reunión mantida no Concello de Ourense entre o alcalde, un técnico da Consellería de Infraestruturas e o director de Viaqua, Julio Masid, o responsable da empresa concesionaria explicou que se actuará sobre un total de 765 metros da Avenida de Zamora, prestando especial atención á infraestrutura máis obsoleta. Con todo, a mellora no servizo será notable para as 420 vivendas afectadas.
As obras de mellora darán comezo no mes de setembro, e faranse por tramos para causar as menores molestias posibles. Aínda así, será preciso realizar modificacións puntuais no tráfico, resultando tamén afectadas as beirarrúas.
Ademais, desde Viaqua puntualizan que será necesario realizar algún corte de auga, pero serán informados previamente estarán planificados de maneira que sexan os menos posibles e nas horas menos críticas.
Escribe o teu comentario