Santiago propón a Serunión como adxudicataria dos comedores escolares

É a mesma empresa que o ano pasado cultivou críticas, pero o concello rexeita que se converta o tema nun "avespeiro".


|

ManueldiossantiagoManuel Deus, concelleiro de Educación. Foto: Concello de Santiago


O servizo de comedor e de almorzos nos centros escolares de Santiago de Compostela será xestionado de novo nos dous próximos cursos pola empresa Serunión, que obtivo maior puntuación que Eurest, a outra compañía que optaba á adxudicación.


Así o explicou o concelleiro de Educación do Concello de Santiago, Manuel Dios, que incidiu en que a maior valoración foi conseguida polo proxecto educativo, polo programa de avaliación e polos protocolos de actuación para controis realizados, posto que ambas alcanzaron a máxima puntuación no ámbito nutricional.


Tras a decisión adoptada na mesa de contratación, a adxudicación, por dous anos, terá que ser aprobada en Xunta de Goberno para a posterior firma do contrato, co que Serunión se encargaría xa do servizo de comedor e almorzos para este curso 2017-2018.


A cantidade económica destinada pola administración local ascende a preto de 900.000 euros por curso académico, a razón de 260.000 euros en 2017, 892.000 en 2018 e 632.000 en 2019.


O edil de Educación instou a "afastar o tema dos comedores escolares do debate político" e a "tomalo máis en serio", despois de manifestar que varias empresas transmitiran que non se presentaban ao concurso non só por cuestións económicas, ante unha "expectativa de negocio mínima", senón tamén ante o risco de perda de imaxe polo "avespeiro no que se está convertendo" a cuestión dos comedores escolares en Santiago e que "non pasa noutro punto do país".


Despois de reiterar que a decisión da adxudicación a Serunión, así como os prazos do proceso, derivouse do criterio dun "órgano autónomo como é a mesa de contratación", explicou que Serunión obtivo 139'30 puntos sobre un total de 142, fronte aos 131 de Eurest, unha diferenza pequena que "explica por que se pediron informes complementarios".


No que respecta ás cifras que terán que aboar as familias destacou que serán case similares ás anteriores, cunha diferenza de céntimos. Sobre os números ofertados nos pregos, só se permitía unha rebaixa do 6%, ofertando Serunión 1,754 euros máis IVE para cada almorzo e 4,922 máis IVE para as comidas.


Para subvencionar o servizo ás familias, Manuel Dios estima que a administración compostelá achegará neste curso ao redor de 80.000 euros, similares aos de anos anteriores, nunha cantidade similar á que achegará a Xunta de Galicia. Pero a maiores, lembrou que o actual goberno local duplicou as axudas en bolsas de escolarización, cunha reserva dunha partida de 360.000 euros para bolsas de comedor e axudas extraescolares.


CALIDADE NUTRICIONAL


No prego de condicións fixábase un máximo de 130 quilómetros de distancia entre o lugar no que se elaborasen as comidas e o punto no que se serven, pero Dios aclarou que no caso de Serunión, as cociñas están na Coruña e en Vigo, polo que non se chegaría a esa cifra.


No ámbito nutricional, as dúas empresas que optaban á adxudicación obtiveron a puntuación máxima, 48 puntos, en base á diferenciación dos menús, a rotación, as receitas e os procesos culinarios. Serunión, por exemplo, ofrecerá a rotación de ata 12 menús.


Ademais, a empresa incrementou a 150 horas a formación do persoal, co que se atende, puntualizou Deus, a unha das reclamacións das familias.


REXEITA A MUNICIPALIZACIÓN


Por outra banda, o edil compostelán ha insistido en que "non hai outros modelos" para ofrecer o servizo, posto "non hai nin un só comedor municipalizado", e apuntou cara á Xunta de Galicia como a administración que, por ter a competencia, tería que adoptar medidas nesta liña.

relacionada O Concello de Santiago inicia a contratación dos comedores escolares
relacionada Calidade fronte a prezo para adxudicar 109 comedores escolares galegos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE