Centos de persoas condenan en varias localidades o crime machista da Coruña

|

MachismocorunaConcentración da Coruña. Foto: Marea Atlántica


Varios centos de persoas secundaron este mércores concentracións en distintas localidades galegas para expresar a súa condena polo asasinato dunha septuaxenaria na Coruña e para reclamar medidas contra o "terrorismo machista".


As concentracións celebráronse na cidade herculina (onde se produciu o crime), en Santiago, Vigo, Pontevedra, Ourense, A Coruña, Ames e Marín.


No caso da Coruña, máis de 200 persoas concentráronse ante o Obelisco para expresar a súa repulsa e condena polo que cualificaron como un "feminicidio" despois de que o home matase, supostamente, á que foi a súa sogra.


Durante a protesta, os asistentes portaron pancartas con lemas como 'Contra as violencias machistas' e corearon lemas como 'Non son mortes, son asasinatos', 'Machista, escoita, estamos en loita' e 'Ante a violencia nin un paso atrás'.


"RECORTES EN IGUALDADE"


Tamén deron lectura a un manifesto para denunciar "os recortes en igualdade" por parte do PP e esixir "cambiar as bases educativas desta sociedade para arrincar o machismo".


Ademais, co seu texto deixaron claro que a "discriminación" cara ás mulleres é "outra forma de violencia" e que "violencia é tamén entregar os fillos a un maltratador".


MANIFESTACIÓN EN SANTIAGO


En paralelo, na capital galega, unhas 100 persoas concentráronse simbólicamente --e interrompendo o tráfico durante uns 20 minutos no paso de peóns da Porta do Camiño-- para gritar que están "fartas" de que "asasinen" a mulleres.


Durante a concentración corearon consignas como 'Non son arrebatos, son asasinatos', 'Non estamos todas, faltan as mortas' e 'Ningunha agresión sen resposta, ningún agresor sen castigo'.


Se á concentración da cidade herculina acudiu a concelleira de Igualdade, Rocío Fraga; na da capital galega, que proseguiu polas rúas do centro histórico, déronse cita representantes de Esquerda Unida, BNG e Podemos Galicia.


PRISIÓN PROVISIONAL POR HOMICIDIO


A maxistrada do Xulgado de Instrución número 7 da Coruña acordou prisión provisional comunicada e sen fianza para o home detido por, presuntamente, matar á que fora a súa sogra na madrugada do luns na Coruña, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).


A causa, que permanece declarada secreta, séguese agora, segundo precisou o alto tribunal galego, por un presunto delito de homicidio e outro de malos tratos con respecto á súa ex parella, a filla da falecida. Ademais, ditouse orde de protección para esta muller e para os seus dous fillos.


A última hora da mañá, o xulgado acordou prorrogar a detención do home "co obxectivo de realizar dilixencias de investigación" polo que ata última hora deste mércores non se coñeceron as medidas adoptadas.

relacionada Concentracións "contra o feminicidio" tras o crime machista da Coruña
relacionada Prorrogada a detención do presunto asasino da súa ex sogra na Coruña

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress