Deteñen no Porriño un cargamento de máis de 4 toneladas de ameixa furtiva

|

FurgonetaalmejafurtivismoSospeitan que o marisco veu de Huelva e Cádiz.

A Garda Civil incautouse dun cargamento de máis de 4.500 quilos de ameixa sen identificación, que formaba parte da carga dunha furgoneta que foi interceptada o domingo no municipio do Porriño.


Segundo informou o Instituto Armado, os feitos sucederon sobre as 15,00 horas do pasado domingo día 20 á altura do quilómetro 1 da estrada PO-510, cando unha patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil do Porriño detectou unha furgoneta, con placas de matrícula portuguesas, que circulaba "con evidentes signos de exceso de peso".


Ao inspeccionar a carga, a Garda Civil comprobou que amontoaba "unha importante cantidade" de sacos de ameixa, tipo xapónica, que carecía de identificación, tanto do produto coma dos envases.


Pola súa banda, o vehículo carecía tamén do correspondente certificado de conformidade para o transporte de produtos alimenticios ou mercadorías perecedoiras e, por tanto, "non podía transportar en condicións de salubridade mercadorías destinadas ao consumo humano", destaca a Garda Civil.


Por iso, efectuóuselle unha pesada en báscula oficial na que tivo a furgoneta un peso total de 7.620 quilos, a pesar de estar autorizada a transportar 3.500 quilos. Por iso, tanto o exceso de carga como as deficiencias do vehículo para transportar mercadorías perecedoiras foron denunciadas polos efectivos da Agrupación de Tráfico da Garda Civil.


ORIXE


Ao mesmo tempo, co apoio da Patrulla Fiscal e de Fronteiras da Garda Civil de Vigo, procedeuse ao comiso da mercadoría, que foi entregada ao Servizo de Gardacosta da Consellería do Mar, encargados de incoar o correspondente expediente para determinar a trazabilidade da ameixa.


"A teor dos albaranes, de dubidosa autenticidade, que presentou o condutor, tamén de nacionalidade portuguesa, as ameixas poderían vir das provincias de Cádiz e Huelva, con destino a Pontevedra", conclúe a Benemérita.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress