Os policías alertan das carencias na loita antiterrorista en Santiago

|

Policiaantiterrorismo


O Sindicato Unificado de Policía, maioritario en España, Galicia e tamén na cidade de Santiago de Compostela, reiterou ao Concello da capital galega a súa petición de instalación de bolardos nos principais accesos ao centro histórico para evitar ataques terroristas coma os sucedidos en Cataluña, á vez que esixiu máis medios e efectivos.


A través dun comunicado, o SUP lembrou que a solicitude de instalación de bolardos xa se formulou en varias ocasións ao Concello. Así, demándase á administración local que leve a cabo esta medida "coa maior celeridade", á vez que se lamenta "que non se realizase ata o momento a pesar da ameaza terrorista".


CIRCULAR 50 EN SANTIAGO


O Sindicato Unificado de Policía engadiu no seu comunicado que "desde hai tempo" pediu que "se realicen prácticas da Circular 50 na cidade e en toda a comunidade". Trátase dunha instrución que "regula e distribúe a todas as forzas de seguridade en caso de atentado".


Entre as demandas formuladas tamén reiteraron a súa reivindicación da presenza permanentemente das UIPs (Unidades de intervención policial) en Santiago.


CARENCIA DE AXENTES


Así mesmo, o SUP explica que "a Brigada Local de Información de Santiago necesita reforzarse con máis axentes precisando un 40% máis de policías".


Por outra banda, o Sindicato afirma que a comisaría de Santiago na actualidade ten "un déficit de 60 axentes". Ante isto, "mentres non se cubran esas vacantes", solicitan que "urxentemente se aumente a partida de servizos extraordinarios para todo o ano e así poder duplicar o número de axentes". Denuncia que na actualidade "só están garantidos estes servizos ata o mes de setembro".


SEN CHALECOS ANTIBALAS


No seu comunicado, o Sindicato continúa denunciando que "o 50% dos policías nacionais carece de chaleco antibalas". Neste contexto, exponse que se debe dotar de "armas longas ás distintas patrullas", ademais de "regular de maneira urxente e dotar de pistolas eléctricas ás distintas comisarías".


O SUP lembra que hai anos propuxo ademais empregar unha canle única de comunicación que servise para a coordinación da Policía Nacional, Policía Local, Policía Autonómica e Garda Civil en caso de activación de Circular 50 en Compostela, coordinado pola Xefatura Superior de Galicia.


Finalmente, indícase que a comunidade conta cun grupo GOE (Grupos de Operacións Especiais) que en caso necesario sería mobilizado, explícase, pero o número de axentes é insuficiente, debendo estar composto polo dobre de axentes.


CONDENA DO ATENTADO


Unhas peticións que o SUP realiza á vez que mostra a súa condena do atentado terrorista en Barcelona e a súa solidariedade coas vítimas e ao resto de cidadáns que se viron afectados por "esta barbarie".


Por último, lémbrase ás "autoridades políticas que a austeridade e a seguridade non son compatibles" e que a sociedade "non pode permitirse unha policía sen medios materiais ou sen recursos humanos suficientes, para combater o fenómeno terrorista e o resto de modalidades delituosas, nin unha colaboración e unha cooperación entre os diferentes corpos de seguridade, a día de hoxe", remárcase, "substancialmente mellorables".


MACETEIROS E BOLARDOS


O goberno local de Santiago de Compostela non descarta a colocación de grandes maceteiros, bolardos ou medidas de protección física nos próximos días en zonas sensibles da cidade, tras os atentados de Cataluña.


Na reunión deste venres, o goberno local xa analizou cos responsables da Policía Nacional de Santiago e a Policía Local o incremento da presenza policial nalgúns puntos, como pode ser o acceso pola rúa San Francisco, no centro histórico, que desemboca na Praza do Obradoiro.


Trátase dun lugar no que en épocas como o nadal ou a festividade do Apóstolo xa se colocaron medidas de protección física, con furgóns policiais. A maiores, xa se identificaron diversos puntos "sensibles" que, por prudencia, non se indicará cales son, segundo se explica desde o consistorio santiagués.


relacionada En Galicia non existen persoas nin grupos radicalizados de xihadismo
relacionada Santiago, "no punto de mira do terrorismo" e sen policías suficientes
relacionada A hipótese principal sostén que os terroristas preparaban un atentado maior

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress