O BNG considera un "agravio" a falta de xuíz de Violencia de Xénero na Coruña
"O debate non é técnico, senón político", defende Noa Presas. Desde o PSdeG repróchanlle ao PP "o cartel de 'volvemos o 13 de setembro'".
Noa Presas, no acto diante dos Xulgados. Foto: BNG
A deputada do BNG Noa Presas criticou este mércores a falta de xuíz substituto no Xulgado de Violencia de Xénero da Coruña, unha situación que "non é xustificable" e que supón un "absoluto agravio".
En declaracións aos xornalistas durante un acto simbólico celebrado diante dos Xulgados da Coruña, a deputada nacionalista reclamoulle á Xunta que abandone o "pasotismo" e lle "plante cara" ao Goberno central para que substitúa as prazas de especialistas de violencia machista en Galicia.
"O debate non é técnico, senón político", asegurou a deputada nacionalista, que opina que a decisión de non cubrir a substitución no Xulgado de Violencia de Xénero da Coruña "non ten escusas".
Así, explicou que "hai posibilidades técnicas" para levar a cabo a substitución, e é que, segundo sinalou, "poderíase ter feito unha modificación orzamentaria ou un adianto dos orzamentos de 2017".
CIFRAS EN AUMENTO
O BNG optou por realizar un acto simbólico para denunciar o "absoluto agravio" no Xulgado da Coruña ante un caso de "gravidade". E para iso lembrou que o ano pasado houbo "ata 37 vítimas de violencia machista en España e no que vai de verán xa van 17".
Así mesmo, en referencia aos datos da Secretaría Xeral de Igualdade, Presas subliñou o aumento das denuncias de violencia machista en Galicia, sobre todo na Coruña e Pontevedra.
"VOLVEMOS O 13 DE SETEMBRO"
Tamén esta semana portavoz de Xustiza do grupo socialista, Patricia Vilán, presentou varias iniciativas parlamentarias nas que critica "a decisión dos gobernos do PP de Rajoy e Feijóo" de non substituír no verán o xuíz de garda dun dos dous únicos xulgados especializados en violencia machista de Galicia, o da Coruña.
Vilán lembra que o propio xuíz solicitou por escrito a substitución, que lle foi denegada. "A política de loita contra a violencia machista do PP é poñer o cartel de 'volvemos o 13 de setembro'; parece unha broma pero non o é, é escandaloso", censurou a socialista, que agradeceu o labor de denuncia do Observatorio de Igualdade da Coruña que agora o seu grupo traslada ao Parlamento.
Escribe o teu comentario