Nove días para evitar a folga da seguridade nos aeroportos galegos

|

ControlseguridadaeropuertoOs paros empezarán o día 20.


A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, manifestou, ante a convocatoria de folga nos aeroportos da Coruña e Santiago de Compostela que, ao seu xuízo, a mesma non axudará "a ninguén". Por iso, apelou á "responsabilidade" das partes para chegar a acordos nas mesas de negociación.


O sindicato UXT apuntou este xoves nun comunicado que a mobilización obedece á "precarización das condicións laborais" e á crítica a un modelo de sector baseado "na competencia sobre prezos".


A preguntas dos xornalistas, a conselleira indicou que a folga é "un dereito sagrado" pero que non axudará "a ninguén", en alusión ás empresas e usuarios, "especialmente" a estes últimos.


Por iso, apostou pola procura dun acordo e pola negociación en cuestións como as revisións salariais. "Creo que é onde se poden alcanzar acordos de verdade para evitar a folga", sentenciou.


"TODO O APOIO" DESDE O CONCELLO


A alcaldesa de Santiago en funcións, María Rozas, mostrou este venres "todo o seu apoio" aos paros parciais aos que o persoal de seguridade do aeroporto de Santiago está convocado a partir do próximo 20 de agosto. Ademais, a tamén edil de Economía espera que esta situación "non dure demasiado" e que as reivindicacións "sexan tidas en conta".


Así o afirmou nunha rolda de prensa no Pazo de Raxoi, preguntada sobre como afectará á capital galega. Rozas "supón que afectará" á cidade, pero espera que as reivindicacións, que cualificou de "moi importantes", "non teñan moita repercusión" nin para os veciños de Santiago nin no número de turistas.


Con todo, lembrou que "non é unha competencia do Concello" e que a folga "é unha das opcións" que teñen os traballadores para reivindicar os seus dereitos laborais.


CCOO E USO DESMÁRCANSE DE MOMENTO


Os sindicatos CCOO e USO mostraron o seu rexeitamento á convocatoria e acusaron a UXT, o único sindicato que a apoia, de convocala sen consenso cos traballadores.


En nota de prensa CCOO e USO acusan a UXT de "facer campaña publicitaria" a conta da folga do mesmo sector en Barcelona e censuran esta convocatoria de folga antes, mesmo, de que se inicien as negociacións, que aínda non empezaron.


De feito, explican que as súas seccións sindicais estaban a preparar as reclamacións dos traballadores, co obxectivo de trasladarllas á patronal.


Con todo, as dúas organizacións sindicais "non descartan que se chegue a convocar" unha folga "no caso de que non frutifiquen" as negociacións pero "antes deben comezar".


Por último, CCOO e USO afirman apoiar "totalmente" as reivindicacións do persoal e anuncian que se marcarán datas para a celebración de asembleas nos centros de traballo.


Desde a Federación de traballadores de seguridade privada de USO abundouse en que a convocatoria de paros non foi acordada coas demais centrais sindicais representativas nin coa totalidade de traballadores adscritos a estes servizos afectados en asemblea.


Desde o sindicato, informan que gran parte dos vixiantes "souberon da convocatoria por un comunicado de prensa", e que en ningún momento se lles fixo partícipes mediante asemblea ou comunicado, "coartando a posibilidade de participar nas participacións de mellora".


Ademais, recoñecen a precariedade dos vixiantes aeroportuarios e a necesidade de melloras das súas condicións laborais e salariais, pero ven necesario e primordial non caer na "exclusión e clasismo" para os demais traballadores do sector da Seguridade Privada.


Así, resaltan que todo o gremio arrastra durante anos unha perda de poder adquisitivo e de dereitos laborais que debe ser "inaceptable e combatido sen discriminacións cara a ningún traballador de seguridade privada, independentemente de onde presten os seus servizos".

relacionada A crise da seguridade dos aeroportos aterra tamén en Galicia
relacionada Aena sanciona á empresa de seguridade Eulen, da que é apoderada en Galicia a irmá de Núñez Feijóo

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress