Feijóo baixa os brazos ante un novo 'non' de Fomento á cesión da AP-9

De la Serna xustifica a negativa para evitar un efecto dominó polas "tensións" con Cataluña e o presidente da Xunta asume que non é o momento.


|

DelasernafeijooFeijóo compra o argumento das "tensións territoriais".


O ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, alegou que transferir a autoestrada do Atlántico, a AP-9, a Galicia provocaría "pasos" similares noutras comunidades autónomas, o que levaría un "certo desmantelamento" da rede viaria estatal.


Desta forma, e aludindo á actual "conxuntura política", argumentou o ministro este luns, tras unha reunión co presidente da Xunta, a segunda negativa do Goberno central a que o Congreso dos Deputados debata a iniciativa aprobada por unanimidade no Parlamento galego para lograr a cesión desta infraestrutura.


Xunto a el, o titular do Executivo galego, o tamén popular Alberto Núñez Feijóo, subliñou que o seu equipo non renuncia a esta demanda, pero considerou que agora, nun momento de "tensións territoriais" coa "deslealdade máxima" por parte de Cataluña --á que non mencionou explicitamente--, "hai que apoiar o Goberno de todos".


"VISIÓN GLOBAL"


"Poucas cuestións vemos no ministerio coas que haxa máis debate", ironizou o ministro, antes de apelar a unha "visión global" coa que, segundo dixo, debe actuar o Estado.


Neste punto, o dirixente advertiu de que "existen numerosas" peticións do mesmo tipo, para transferir infraestruturas, "noutras comunidades autónomas".


Pola súa banda, defendeu que a AP-9 siga formando parte da rede xeral do Estado: "Ten que seguir manténdose", expuxo, antes de incidir en que solicitudes coma esta constitúen "un elemento que xera certa tensión política" no actual escenario político.


"HAI QUE APOIAR O GOBERNO"


Feijóo, no seu discurso, deu as grazas a De la Serna, a quen atribuíu "seriedade" e o gusto pola "política útil".


No que se refire á negativa para transferir a titularidade da autoestrada, Feijóo avisou de que o seu Goberno "non vai renunciar" a iso, posto que "aspira a ser titular no futuro".


Con todo, e tras os argumentos esgrimidos polo ministro, dixo ser "consciente dos condicionantes que está a vivir España desde o punto de vista territorial", ante o que apostou por ser un presidente "leal".


Sen renunciar, xa que sería "incumprir" o compromiso electoral "dado", Núñez Feijóo considerou que "hai que apoiar ao Goberno" de "todos" os españois.

relacionada A reclamación da AP-9 persegue a De la Serna na súa visita a Galicia
relacionada Goteo de anuncios de Fomento para non dar o brazo a torcer coa AP-9

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE