Abren os ramais da AP-9 en Sigüeiro despois de semanas acabados

Fomento anuncia a posta en servizo desta obra o mesmo día que estaba prevista unha manifestación de protesta.


|

Sigueiroautopista1Un dos dous ramais terminados.


O día en que en Sigüeiro está convocada unha manifestación de protesta para esixir a apertura do enlace sur da AP-9, o Ministerio de Fomento anunciou a posta en servizo, tras a finalización das obras, da remodelación do mesmo.


Enmarcado dentro das obras de ampliación de capacidade da AP-9, a ligazón de Sigüeiro, no quilómetro 55,0 da autoestrada, contaba ata a actualidade soamente cos ramais que permitían os movementos en sentido norte (A Coruña), segundo apunta o departamento de Íñigo de la Serna.


A posta en servizo dos ramais construídos en sentido sur (Santiago) "completa os movementos desde e cara ao sur que faltaban nesta ligazón, mellorando así a funcionalidade da ligazón e a mobilidade entre a AP-9 e a N-550 nese punto", destaca.


A nova ligazón, resalta, permitirá "aliviar o tráfico, principalmente de vehículos pesados procedentes do Polígono Industrial de Sigüeiro e dos próximos polígonos industriais de Santiago, que actualmente transitan pola travesía de Sigüeiro (Oroso) da N-550".


As obras executáronse, di o ministerio, "mantendo en todo momento adecuadas condicións de seguridade e fluidez do tráfico da AP-9 no tronco e ramais existentes e na propia estrada nacional N-550". O que non conta é o motivo de tardar uns dous meses en abrir o acceso desde que se rematou a obra.


As obras inclúen o desdobramento da N-550 nun tramo de 460 metros, construíndose unha nova glorieta e unha senda peonil nunha das súas marxes para o Camiño Inglés a Santiago e acceso a un colexio.


O investimento total foi de 6,5 millóns de euros (obra máis expropiacións).


PROTESTA CANCELADA


Este mesmo venres, o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, anunciou que pediría entrevistarse co ministro de Fomento coincidindo cunha visita deste a Santiago que segundo dixo estaba prevista para este luns.


Segundo informou o concello nun comunicado, a manifestación foi substituída por por unha concentración na Praza Isaac Díaz Pardo á mesma hora (20,00). Nela mostrarán o seu "rexeitamento á maneira de proceder do Ministerio de Fomento coa posta en servizo desta infraestrutura, que permaneceu pechada desde o remate das obras o pasado mes de maio ata hoxe (este venres)".


Así mesmo, o Concello de Oroso tamén suspendeu a manifestación convocada para o vindeiro luns en Santiago, cidade que visita ese día o ministro de Fomento. "Esta anulación motívase na intención do Concello de non molestar a cidadanía da capital galega, unha vez que por fin está ao servizo da poboación o novo acceso á autoestrada", reza o comunicado.


A TRANSFERENCIA, NA AXENDA DE FEIJÓO


Feijóo volverá trasladar este luns ao ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, a reclamación de transferencia para Galicia da xestión da AP-9. Un asunto polo que non terá que comparecer no Parlamento tras tombar o PPdeG a petición de todos os partidos da oposición.


O ministro visitará Galicia para "cumprir o seu compromiso de dar conta da situación das infraestruturas e da execución orzamentaria" na Comunidade. "Eu agradézoo", apostilou Feijóo.

relacionada Non haberá pleno extraordinario no Parlamento polo traspaso da AP-9
relacionada Os veciños de Oroso 'felicitarán' a De la Serna pola xestión da AP-9

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE