A demografía galega segue sen mostrar signos de melloría
As estatísticas de 2016 confirman que a diferenza entre mortes e nacementos se agranda, sobre todo pola caída da natalidade.
Galicia leva 25 anos con máis defuncións que nacementos.
Os datos provisionais do Instituto Galego de Estatística sobre o movemento natural da poboación en 2016 ratifican o empeoramento do saldo vexetativo entre nacementos e mortes na comunidade.
En concreto, o número de defuncións o ano pasado foi 31.473, un valor moi similar ao rexistrado en 2015. Por outra banda, o número de nacementos segue o descenso iniciado no ano 2009 e sitúase en 2016 en 18.952.
A diminución dos nacementos acompañado dunha cifra similar nas defuncións provoca un novo incremento do saldo vexetativo en Galicia no último ano, que pasa de -12.057 en 2015 a -12.521 en 2016. Hai máis de 25 anos que Galicia non presenta un saldo vexetativo positivo.
En detalle, o número de nacementos situouse en Galicia en 2016 en 18.952, un 2,5 por cento menos que os rexistrados en 2015. No período 2010-2016, todas as provincias presentan unha diminución do número de nacementos.
O 79,7 por cento dos nacementos de 2016 corresponden a nais con residencia nas provincias da Coruña e Pontevedra.
ATRASO NA IDADE DA NAI
Os datos dos nacementos segundo a idade da nai constatan o atraso na idade á que as mulleres galegas teñen os seus fillos. Así, en 2016 o 78,2 por cento dos nacementos en Galicia foron de nais de 30 ou máis anos de idade; mentres os nacementos nese grupo de idade representaban hai dez anos o 65,4 por cento.
No ano 2016, os nacementos de nais de 40 e máis anos representan xa o 10,2 por cento do total de nacementos, fronte ao 4,1 por cento de 2006.
Así, en Galicia o ano pasado o 76,3 por cento das mulleres e o 85,8 por cento dos homes tiñan 30 e máis anos. Hai dez anos, estas porcentaxes situábanse no 47,8 por cento e no 62,6 por cento respectivamente.
Escribe o teu comentario