Expulsan de Cíes dúas veces en cinco días a un mozo anormalmente violento
O sábado unha traballadora denunciouno por acoso sexual e este mércores tomouna cun establecemento da illa.
Axentes da Policía Local de Vigo evacuaron das Illas Cíes ata o Hospital Álvaro Cunqueiro un mozo de 24 anos que presentaba un cadro agresivo e violento, e que en días previos xa tivo que ser trasladado desde o arquipélago por axentes por acosar sexualmente a unha traballadora.
Tal e como informou a Policía Local, este sábado, unha muller que traballa nas illas comunicou a unha patrulla que estaba a sufrir acoso por parte dun visitante, que lle realizaba proposicións de índole sexual de maneira insistente, ata obrigala a abandonar o areal e refuxiarse nun local.
Ante estes feitos, os axentes identificaron o autor, I.H.G., nacido en Almería e residente de El Ejido, ao que lle instruíron dilixencias xudiciais e conduciron ata o embarcadoiro para o seu traslado ata a cidade de Vigo.
Tras iso, este mércores unha dotación foi requirida por un establecemento de Cíes porque un usuario supostamente causou desfeitas e intimidou a outras persoas esgrimindo unha arma branca. Os axentes iniciaron a procura do autor destes feitos, que coincidía coa descrición do denunciado días antes, pero non conseguiron localizalo ata a mañá deste xoves.
Así, comprobouse que se trataba do mesmo mozo, que presentaba un cadro de excitación e agresividade "fóra do normal", polo que foi trasladado de forma involuntaria ata a cidade. Unha vez no Porto de Vigo, foi recoñecido polo persoal dunha ambulancia e conducido inmediatamente ao Hospital Álvaro Cunqueiro.
Escribe o teu comentario