O conflito dos buses necesita mediadores para tentar algún avance

A folga seguirá suspendida polo menos ata a semana que vén. As empresas recorreron o plan da Xunta.


|

AutobusruralAs negociacións non avanzan "o que deberían".


Os representantes dos traballadores e os das empresas do transporte de viaxeiros por estrada acordaron o nomeamento de mediadores co obxectivo de tentar que as negociacións no ámbito provincial avancen, despois dunha primeira semana sen achegamentos.


Así as cousas, tras a primeira reunión da mesa autonómica no Consello Galego de Relacións Laborais tras a suspensión da folga, esta manterase sen afectar os servizos, segundo informaron a Europa Press fontes sindicais.


O encontro deste mércores durou case cinco horas e durante el as partes valoraron que "se clarificou máis a situación", aínda sen grandes avances.


A idea agora é "facilitar" a negociación no ámbito provincial, segundo recalcan fontes das patronais Anetra, Fegabús e Transgacar consultadas por Europa Press.


As organizacións sindicais, pola súa banda, destacan que as mesas provinciais deste luns e este martes non avanzaron "o que deberían", de aí a decisión de que haxa intermediación do Consello de Relacións Laborais nas catro provincias.


Xa o mércores 26, as mesas de Pontevedra, Lugo, Ourense e A Coruña volverán sentar, e o xoves 27 será a quenda de novo da autonómica.


RECURSO CONTRA O PLAN DA XUNTA


As federacións empresariais Anetra, Fegabús e Transgacar interpuxeron un recurso ante o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais contra a primeira fase do plan de transporte da Xunta e o seu procedemento administrativo.


En concreto, estas patronais buscan a anulación do prego de condicións do concurso, dos 41 proxectos de explotación, das invitacións remitidas ás empresas para que presentasen ofertas e das resolucións da Dirección Xeral de Mobilidade que deron cobertura este mesmo mes ao que consideran "controvertido" plan e ao procedemento de adxudicación directa.


Tamén pretenden que se suspenda o expediente de contratación ata que o tribunal resolva sobre o fondo do asunto, segundo explican a través dun comunicado.


"A inamovible posición mantida pola Xunta de Galicia en relación ao seu plan de transporte público, un proxecto que transcorrido o período de alegacións confírmase que condena ao sector a unha complexa situación de incerteza e inestabilidade, deixou finalmente unha única porta ás empresas e a tres das federacións que as representan: os tribunais", destacan.


Ademais, Anetra, Fegabús e Transgacar apuntan ademais que lles constan que "distintas compañías de autobuses" tamén seguiron pola súa conta un camiño "similar".


A base principal da súa impugnación, segundo indican, é "precisamente o camiño elixido pola Administración neste procedemento", é dicir, a adxudicación "directa" dos contratos no canto de utilizar un procedemento aberto.


Esa vía ten un carácter extraordinario e a Xunta, segundo estas federacións, "practicamente non xustifica o seu uso, salvo cunha puntual referencia nos pregos ao manido argumento de que en agosto supostamente poden quedar sen servizo decenas de liñas de autobús".


As patronais insisten en que a conselleira "pode ampliar un ano máis o prazo que ela mesma fixou para este agosto como data de caducidade do deber que impuxo ás empresas para seguir atendendo as rutas mentres tramitaba e redactaba o seu plan".

relacionada Primeiro cume do transporte desde a suspensión da folga de autobuses
relacionada Máis de 100 empresas interésanse polos novos contratos do transporte
relacionada Suspendida a folga de autobuses ao alcanzar un principio de acordo salarial

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE